A banda redondelá Malfinde afronta unha nova etapa coa mirada posta no directo e na consolidación do seu proxecto musical. O grupo abrirá este venres 31 de xullo o festival O Retumbar da Telleira, en Boiro, compartindo cartel con formacións de referencia como Belako e Mujeres.
O seu vocalista e fundador, Andrés Núñez, asegura que a banda chega a esta cita “moi contenta” por formar parte dun festival deste nivel e por ter a oportunidade de compartir escenario con artistas xa consolidados.
Malfinde preséntase ademais cunha formación renovada tras a incorporación do baixista Mario e do batería Álex, converténdose nun “power trio” que, segundo Núñez, lle está a dar unha nova forza ao proxecto. Aínda que recoñece que “foi unha pena” despedirse dos antigos compañeiros por motivos laborais e destaca que a relación persoal continúa intacta e asegura sentirse “moi contento” polo potencial dos novos integrantes.
O músico lamenta tamén a dificultade que existe hoxe para formar bandas e manter proxectos musicais, especialmente entre a xente nova, polo que aproveita para facer un chamamento á mocidade de Redondela a achegarse á música. “A música non consiste en triunfar, consiste en pasalo ben cos amigos e desfrutala”, explica.
No concerto de Boiro, Malfinde interpretará a maior parte dos temas publicados en Spotify, recuperará algunhas cancións da etapa de Chaleco Reflectante e incluirá o seu último lanzamento, “Conocerte”, unha balada á que Andrés Núñez confesa terlle un especial cariño.
O vocalista recoñece que o grupo está evolucionando cara un son máis próximo ao pop e ao indie, influenciado por bandas como The Killers, Sexy Zebras ou Carolina Durante, aínda que sen abandonar de todo a esencia pop-punk que marcou os seus inicios.
Esa evolución continuará nos próximos meses coa publicación dun novo sinxelo, titulado “Adiós”, unha canción moi persoal que define como “un desafogo” e que servirá para pechar o primeiro EP da banda, previsto para finais do verán e acompañado, se todo vai segundo o previsto, dun novo videoclip.

