David Crespo achégase a Radio Redondela para falar na sección Carreira de Fondo sobre a súa experiencia e evolución no ámbito educativo e laboral. Coñecido por moitos veciños e veciñas como o creador de @redondelizate – conta de Instagram divulgativa sobre o municipio – Crespo compartiu o seu exemplo para quen se atopa en momentos de dúbida ou quere coñecer un pouco máis o Ciclo Medio de Técnico en Actividades Comerciais.
Diagnosticado de TDAH (Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade), David explica que lle resultaba “insufrible” manter a atención en clase durante longos períodos. “Pasaba unha mosca e estaba mirando a ver a cor desa mosca”, recorda con humor. Reivindica a importancia dos diagnósticos e do apoio profesional: “Defendo os diagnósticos de TDAH. Somos persoas que temos certa dificultade para prestar atención, sobre todo combinada con hiperactividade”. Esa mesma enerxía, di, foi a que logo o levou a crear Redondelízate.
Tras titularse en Educación Secundaria no IES Illa de San Simón, optou por un Ciclo Medio de Técnico en Actividades Comerciais no IES Aguía de Vigo, guiado pola orientadora. “Ela víame como unha persoa que lle gustaba falar e estar coa xente, e recomendoume unha rama orientada a tratar con persoas. Agradézolle moito que coas miñas dificultades axudárame a atopar o que me gustaba, porque cando estudas o que queres o proceso cambia moito”, explica.
No ciclo de Actividades Comerciais aprendeu aspectos prácticos do mundo empresarial: desde o comercio minorista e maiorista, estratexias de atención ao cliente, presentación de tendas, psicoloxía do consumo, xestión de nóminas ou organización de feiras. “É un mundo fascinante. Todo o que vemos nun supermercado ou nunha tenda ten unha estratexia detrás”, comenta. Realizou as prácticas no comercio local de Redondela, concretamente na tenda de Kcruz, unha experiencia que valora moi positivamente: “Aprendín moito sobre tratar coa clientela e redes sociais”.
Actualmente, David traballa nunha grande cadea no Centro Comercial Travesía de Vigo. “Vou traballar contento porque me gusta tratar coa xente”, afirma, aínda que recoñece a esixencia mental dos empregos de cara ao público: “Cansan sobre todo mentalmente. Moitas veces fas de psicólogo”. Destaca o mérito dos traballadores da hostalería e do comercio local, “os que constrúen a vila e o país”.
Crespo tamén ten aprobado o primeiro ano do Ciclo Superior de Comercio e Marketing, que interrompeu por motivos persoais pero que espera retomar: “Non hai idade para estudar. Tiven unha compañeira de máis de 50 anos e é enriquecedor”.
David tamén falou das novidades do seu proxecto @redondelizate. A conta, que promove a vila de forma moderna a través de eventos, cultura e tradición, volveu con forza este ano. Presentou un novo logo, creado con axuda da súa e que incorpora elementos simbólicos como a Coca de Redondela ou os viadutos.
Redondelízate segue apostando por dar visibilidade a eventos locais, festas e iniciativas sociais. Recentemente animou á veciñanza a colocar bandeiras do Orgullo nos balcóns durante o mes do Orgullo LGTBIQ+: “É a bandeira do amor. Hai que loitar polos dereitos e dar exemplo”.
David fai un chamamento pois está aberto a recibir información de asociacións culturais, parroquiais, clubs deportivos e comisións de festas para difundilas en @redondelizate.


