A médica residente do Centro de Saúde de Redondela, Bea Gómez, conversa neste episodio especial do podcast En PAC(k) con Alicia Tizón sobre o hantavirus, unha zoonose grave transmitida por roedores que está a ser noticia estes días.
A conversa chega nun momento oportuno: a Organización Mundial da Saúde (OMS) foi alertada dun brote a bordo do cruceiro MV Hondius, un buque holandés que partiu de Ushuaia (Arxentina) rumbo á Antártida. Ata o momento rexístranse sete casos (dous confirmados e cinco sospeitosos), con tres falecementos. O feito de que a nave saíse dunha zona onde circula o virus Andes —o único hantavirus coñecido con transmisión persoa a persoa— mantén aberta a investigación.
A doutora Gómez explica de forma clara e didáctica que son os hantavirus, como se transmiten, cales son os síntomas, a súa elevada mortalidade en certas formas e, sobre todo, como previr.
Un enorme agradecemento á banda Alea (@alea_music_band ) pola composición e interpretación da nova cabeceira do programa, unha melodía fresca que acompañará o podcast durante toda a tempada.
Escoita o capítulo completo en En PAC(k) e comparte a información: o coñecemento é a mellor ferramenta de prevención.



