Hoxe é Mércores 3 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Asociacións de Ciclistas reclaman máis protección ante o aumento da inseguridade viaria

Fotos cedidas por Pedaladas

As asociacións Mobi-Liza, Composcleta, Arousa en Bici, Pedaladas e VigoCiclábel solicitaron reunirse coas Subdelegacións do Goberno nas catro provincias galegas para frear a “impunidade” de certos condutores e mellorar a seguridade de ciclistas e peóns.

Os recentes sucesos graves rexistrados en Mondariz (un ciclista en coma inducido tras ser arrastrado por un coche que participaba nun “pique” a alta velocidade), Ribeira (ciclista con lesións na columna atropelado por unha moto nun evento motorizado), Cambados (moto a velocidade excesiva que impactou contra un coche nunha rúa a 30 km/h) e Vigo (outra moto descontrolada a alta velocidade) poñen de manifesto, segundo as entidades, un problema que levaban tempo denunciando. “Nin se deberían considerar accidentes, porque son consecuencia dunha actitude neglixente que pon conscientemente en risco a vida de ciclistas e peóns”.

No Día Mundial da Bicicleta, que se celebra o 3 de xuño, as asociacións combinan a promoción deste medio de transporte sostible coa demanda urxente de medidas. Quique Pérez, presidente de Pedaladas, explica: “Percibimos un maior respecto por parte da maioría dos condutores, pero si que houbo situacións graves con vehículos a moi alta velocidade, presenza de alcohol e drogas. Son unha minoría, pero xeran un sentimento de falta de seguridade”.

Pérez recoñece o aumento do uso da bicicleta tanto para mobilidade diaria como para ocio deportivo, pero advirte que isto coincide cunha percepción de maior risco nas vías urbanas: “Fixémonos no Real Decreto que limita a 30 km/h a maioría das vías urbanas, pero percibimos que non se está a respectar. Hai unha falta de control e de concienciación nun tipo de condutor que usa o vehículo de forma perigosa para o resto dos usuarios”.

As entidades piden revisar os protocolos das Forzas de Seguridade do Estado, priorizando o control nas travesías e vías urbanas, campañas de sensibilización e avances cara á “Visión Cero”. “Non estamos pedindo máis multas, senón que se fagan campañas específicas, que se recorde que conducir baixo os efectos do alcohol e drogas non é permisivo e que se respecten os límites”, subliña Quique Pérez.

Ademais, demandan melloras urbanísticas (carrís bici, reductores de velocidade, sinalización) e unha convivencia harmoniosa: “Todos somos peóns, todos temos coche e unha parte importante da poboación usa a bicicleta. Non se trata de sinalar uns contra outros, senón de compartir o espazo de forma segura”.

As asociacións animan á cidadanía a apoiar estas demandas e a asociarse para impulsar unha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente e coa vida das persoas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp