Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As mulleres contan, percorrendo camiño. Xunqueira Ézara Nogueira

Xunqueira Ézara: “Animo ás mozas a estudar enxeñería porque o esforzo ten recompensa”

Xunquera Ézara Nogueira (Redondela, 1996) soñaba de nena con ser astronauta. Hoxe, con tan só 24 anos, traballa en varios proxectos da Axencia Espacial Europea deseñando a tecnoloxía necesaria “para as misións espaciais do futuro”. Decidiu estudar Enxeñería Aeroespacial en Madrid, e logo cursou un máster. Trátase de estudos nos que as alumnas son minoría, menos do 30% das matrículas nas ramas de Enxeñería son mulleres. Recoñece que os estudos “requiren esforzo e dedicación”, pero asegura que “paga a pena” e anima a calquera moza que teña vocación a optar por esta rama “sen atender a estereotipos” porque o esforzo “ten recompensa”.

Do seu paso pola universidade, ademais do traballo duro, lembra tamén o trato discriminatorio que sufriu nalgunhas ocasións polo feito de ser muller. Ézara Nogueira recoñece que “ás veces” non era valorada, e tivo que demostrar a súa capacidade “o dobre que os alumnos homes”. Algo que, pola contra, non lle aconteceu no eido laboral, no que se integrou rapidamente “como unha máis do equipo”.

Fala con paixón dos seu traballo, nun grupo de Enxeñería en Madrid. Xunqueira participa en proxectos para a Axencia Espacial Europea deseñando a tecnoloxía dos novos satélites que se empregarán nas misións espaciais.

Preme para escoitar a entrevista completa

Radio Redondela, en colaboración coa concellería de Igualdade, pon en marcha esta nova sección “As mulleres contan, Percorrendo camiño”, no que daremos voz a mulleres de Redondela co obxectivo de visibilizar o seu traballo e as súas inquedanzas. Trátase de mulleres que, desde diferentes ámbitos, fan unha enorme contribución á sociedade na que loitan a diario por acadar “unha igualdade real”. Esta serie de entrevistas comeza hoxe coa enxeñeira aeroespacial Xunqueira Ézara. Nas próximas semanas seguiremos con traballadoras de sectores como a sanidade, o mar, a cultura, o comercio ou o deporte, entre outros, para visibilizar o papel da muller nas diferentes actividades. Esta será a primeira das actividades que se desenvolvan dentro dun programa de actos conmemorativos do 8M, algún dos cales se desenvolverá ao longo de todo o ano.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp