Hoxe é Luns 29 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Aberta a inscrición no Plan Corresponsables de FEMUPO para formar profesionais no coidado de menores

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) vén de poñer en marcha unha nova edición do Plan Corresponsables, un programa que permitirá formar persoas no ámbito do coidado de menores non dependentes a través dun itinerario de 330 horas baseado na nova cualificación profesional aprobada pola Xunta de Galicia.

A formación está dirixida prioritariamente a mulleres da provincia de Pontevedra, especialmente do rural e en situación de desemprego, aínda que a convocatoria permanece aberta a calquera persoa que cumpra os requisitos de acceso.

Conchi Pérez, explica que o principal obxectivo desta iniciativa é dar resposta a unha necesidade que existía desde hai tempo. “O que se trata é de adquirir coñecementos para eses coidados e intentar profesionalizar un sector que ata agora non estaba profesionalizado máis alá das escolas infantís ou dos colexios”, sinala.

Segundo indica, este novo certificado supón tamén unha oportunidade de inserción laboral nun ámbito que comeza agora a contar cunha acreditación específica. “Permite acceder a postos de traballo en ludotecas, campamentos ou nas bolsas de horas do Plan Corresponsables. Ata agora esas prazas non existían porque tampouco existía esta certificación”, destaca.

O programa inclúe tres módulos formativos. O primeiro céntrase na atención ás necesidades básicas das persoas menores —alimentación, hixiene, vestido, promoción da autonomía e acompañamento—; o segundo aborda técnicas e recursos educativos para a animación no tempo libre, e o terceiro está dedicado aos primeiros auxilios.

Esta formación corresponde aos tres primeiros módulos do certificado profesional completo. O cuarto, que incorpora o período de prácticas obrigatorias, será desenvolvido posteriormente pola Xunta de Galicia. “En todos os certificados profesionais hai unha fase de prácticas para comprobar que a persoa está preparada para desenvolver ese traballo”, explica Pérez.

Un dos aspectos polos que aposta FEMUPO é facilitar o acceso á formación ás persoas que teñen dificultades para desprazarse ou compatibilizar os estudos coa vida familiar ou laboral. Por iso, o curso impartirase en modalidade semipresencial, combinando unha aula virtual con sesións presenciais de presentación e titorías.

O prazo de inscrición permanecerá aberto e a aula virtual estará operativa entre os meses de xullo e outubro. 

As persoas interesadas poden obter máis información e realizar a inscrición a través da páxina web e das redes sociais de FEMUPO, onde tamén se difunden o resto de programas que desenvolve a federación. Pérez lembra que a entidade traballa durante todo o ano en iniciativas relacionadas coa igualdade, a formación e a mellora da empregabilidade das mulleres, ofrecendo ademais orientación e derivación a outros recursos cando é necesario.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp