Hoxe é Domingo 26 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A veterinaria Marta Moreira reivindica o valor sanitario e social da profesión no Día Mundial da Veterinaria

Entrevista completa con Marta Moreira.

O último sábado de abril celébrase o Día Mundial da Veterinaria, unha data que busca recoñecer o papel esencial destes profesionais na saúde animal, pero tamén na saúde pública e no equilibrio das sociedades. Con este motivo, a veterinaria Marta Moreira, da Clínica Veterinaria Santa Mariña de Redondela, pon o foco nunha profesión “moito máis ampla do que a xente adoita pensar” e que, segundo subliña, aínda non está plenamente valorada.

A súa traxectoria está vencellada desde o inicio á mesma clínica, onde comezou en prácticas e onde continúa anos despois. Para ela, a continuidade e a confianza cos clientes son claves: “Traballar con xente que te viu medrar profesionalmente facilita moito as cousas e fai o traballo máis gratificante”. Ademais, destaca a importancia do enfoque colaborativo: “Cada caso é analizado por todo o equipo, cada quen coa súa especialidade, o que mellora moito a atención ao paciente”.

Ese carácter multidisciplinar é, precisamente, reflexo da evolución da propia profesión. A clínica pasou de contar con veterinarios xeneralistas a integrar un equipo especializado en áreas como oncoloxía, cirurxía ou traumatoloxía. “A sociedade cambiou e nós tamén tivemos que adaptarnos. Hoxe en día a xente esixe máis, e iso é positivo”, sinala.

Neste sentido, Moreira percibe unha transformación clara na relación coas mascotas: “Agora considéranse un membro máis da familia e hai unha maior implicación no seu coidado”. Este cambio tradúcese tamén nun aumento das probas diagnósticas e dos tratamentos, así como nun maior interese pola prevención. “A vacinación e o control sanitario non só protexen aos animais, tamén á sociedade no seu conxunto”, lembra, facendo fincapé na conexión entre saúde animal e saúde humana.

Porén, non todo son avances. A veterinaria alerta de que a profesión segue infravalorada e afronta importantes retos. Entre eles, destaca a carga emocional do traballo: “Implicámonos moitísimo, non só cos animais senón tamén coas familias. Non sempre é fácil xestionar ese nivel de responsabilidade”. A isto súmase a necesidade de formación continua e unha elevada esixencia académica ao longo de toda a carreira profesional.

No plano estrutural, critica especialmente o incremento da burocracia, en particular no uso de antibióticos en pequenos animais. “Estamos sometidos a un control excesivo que nos resta tempo para atender aos pacientes e cuestiona a nosa capacidade como profesionais”, denuncia. Segundo explica, esta situación mesmo motivou mobilizacións do sector.

Con todo, Moreira insiste en que a prevención segue sendo a mellor ferramenta. Recomenda aos propietarios estar atentos a cambios no comportamento dos seus animais e consultar ante calquera dúbida: “Moitas veces chegamos tarde porque se minimizan os síntomas. Unha simple chamada pode marcar a diferenza”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Onda Torrella: Xosé Couñago

 investigador e divulgador cultural Xosé Couñago foi protagonista do último episodio do podcast Onda Torrella no que se analizaron os principais elementos positivos e problemáticos da sociedade galega, combinando reflexión

Escoitar audio »