Hoxe é Xoves 7 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Comeza a tempada da avespa velutina: Redondela reforza o trampeo para frear a súa expansión

Foto de Animalia

Entrevista a Aaron Fernández.

Coa chegada do bo tempo e o comezo da primavera, as raíñas da avespa velutina saen da hibernación e inician a construción dos seus niños primarios. É o momento clave para actuar e frear a expansión desta especie invasora, que ano tras ano representa un risco para a cidadanía, a biodiversidade e as actividades ao aire libre en Redondela.

Os datos do pasado ano reflicten a magnitude do problema: capturáronse 153 raíñas, neutralizáronse 32 niños en vivendas e colocáronse máis de 17 trampas ao longo do municipio.

Aaron Fernández Bernárdez, xefe de Intervención de Emerxencias no SEIS de Redondela, explica en entrevista que “neste momento estamos no período no que empezan a facer os niños primarios. A mellor medida que se pode tomar nesta época é o trampeo”. O servizo leva meses coa colocación de trampas por todo o termo municipal, desde febreiro, e continuará ata xuño. “Intentamos abarcar o máximo posible. Colocamos trampas por todas as parroquias. Sobre todo en zonas urbanas e tamén onde sabemos que houbo máis actividade o ano anterior”, detalla.

Segundo Fernández, non hai un punto concreto con maior incidencia: “Está por todas partes. Hai moita en zonas forestais, pero tamén en vivendas e zonas habitadas”. O clima xoga un papel fundamental. “Favorece un clima intermedio, con humidade e temperaturas suaves, como o atlántico. As choivas excesivas ou os fríos poden reducilas, pero son moi resistentes e adáptanse”.

Consellos prácticos para a cidadanía

Desde o SEIS recomendan que os particulares participen no trampeo, pero de forma responsable. Unha receita sinxela e efectiva é mesturar medio litro de auga, 200 gramos de azucre e 5 gramos de lavadura. Pódese usar botellas comerciais ou fabricar unha trampa caseira cortando dúas botellas de auga e creando un embude.

Con todo, o técnico avisa dos riscos: “O gran problema do trampeo é que non é moi selectivo. Pode capturar bolboretas, abellas e outras especies importantes para a polinización. Se ves que caen máis estes insectos que velutinas, retira ou cambia a trampa de sitio”.

Outras medidas preventivas nos xardíns e fincas:

  • Evitar augas estancadas (tamén para previr mosquitos).
  • Manter limpos os terreos, sen acumulación de broza.
  • Desbrozar con precaución, xa que moitos accidentes ocorren ao atopar un niño oculto.

Que facer se atopas un niño?

Nesta época os niños son aínda pequenos e primarios, pero o perigo aumenta co avance do verán. Nunca intentes eliminalo ti mesmo. Aaron Fernández é claro: “Mantén a distancia, non o toques, non o golpees e avisa canto antes. Se está en vía pública ou vivenda, chama ao 112. Se está en zona forestal ou rural, o ideal é chamar ao 012 (Xunta de Galicia – Medio Rural) ou ao Departamento de Medio Ambiente do Concello”.

Os riscos son reais. “Hai accidentes graves todos os anos, sobre todo ao desbrozar fincas. Un niño non pica unha soa vez: pode atacar un enxame enteiro. A xente alérxica corre máis perigo, aínda que moitos descoñecen a súa alerxia. Sería moi interesante facer campañas para fomentar as probas de alerxia”, sinala o responsable de emerxencias.

Desde o SEIS de Redondela animan á poboación a estar atenta, manter os espazos limpos e avisar ás autoridades ante calquera avistamento. A unión de administracións, bombeiros e veciños é a mellor estratexia contra esta invasora. Redondela, preparada para actuar con celeridade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Onda Torrella: Jaime Figueroa

Neste novo episodio do podcast Onda Torrella achégase aos micrófonos de Radio Redondela Jaime Figueroa para falar da vida a través da música. Fundador da Asociación Lenda e cunha traxectoria

Escoitar audio »

Cousas de hoxe: Os Illuminati

O 1 de maio de 1776, Adam Weishaupt, profesor de dereito na Universidade de Ingolstadt (Baviera, Alemaña), fundou a sociedade secreta dos Illuminati. O grupo buscaba promover as ideas da

Escoitar audio »