Charla sobre Humberto Baena
Outubro 30 @ 19:00 - 21:00
A historia de Humberto Baena protagoniza os actos polo Día das vítimas do franquismo en Redondela. Flora Baena, irmá de Xosé Humberto Baena, un dos últimos asasinados polo franquismo no ano 1975, ofrecerá unha conferencia este venres ás 19:00 horas na Oficina de Turismo. A actividade forma parte dos actos organizados dende o Concello de Redondela co gallo do Día de homenaxe aos represaliados do franquismo. Un programación que se completa coa representación teatral da obra “Melón Pelado!” o 2 de novembro no Auditorio do Piñeiral para o alumnado do IES Chapela.
O 31 de outubro é o Día de Recordo e Homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra Civil e a Ditadura franquista en España. O Concello de Redondela organiza unha programación especial co gallo desta conmemoración co obxectivo de manter viva a memoria histórica, honrar ás vítimas e concienciar ás novas xeracións sobre a importancia da xustiza e a dignidade democrática. O acto central terá lugar este venres, 30 de outubro, ás 19:00 horas, nas instalacións da Oficina de Turismo (Rúa Isidoro Queimaliños, 2). Baixo o título “Que pasou con Humberto Baena?”, a xornada contará co testemuño de Flora Baena, irmá de Xosé Humberto Baena Alonso. O mozo, de orixe galega e tan só 24 anos, foi un dos últimos cinco executados polo réxime de Franco o 27 de setembro de 1975. Durante o encontro, afondarase na loita incansable da súa familia por limpar o seu nome e reivindicar a memoria dos represaliados.