Hoxe é Venres 23 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Arcade estrea unha praza de Talo Río máis accesible, verde e humanizada

recpecion praza de talo río 04

O Concello de Soutomaior recepcionou a obra, que mellora a accesibilidade, resolve problemas de saneamento e transforma este espazo central de Arcade nun lugar máis amable para a veciñanza tras un investimentos de 1’2 millóns de euros. A nova praza abrirá a súa etapa cunha programación cultural durante a fin de semana.

A renovación integral da praza de Talo Río, en Arcade, supuxo un investimento de arredor de 1,2 millóns de euros. A actuación, financiada con 700.000 euros do Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra e fondos propios municipais, permitiu transformar este espazo céntrico nun lugar máis accesible, moderno e pensado para o uso e o desfrute da cidadanía.

A intervención incluíu a renovación completa da praza, a resolución de problemas detectados no subsolo e a mellora da accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas. Ademais, actuouse sobre as redes de saneamento para separalas e corrixir deficiencias previas con repercusión ambiental.

O alcalde, Manu Lourenzo, destacou a importancia da actuación para a transformación urbana de Arcade e explicou que a execución das obras presentou dificultades que non eran visibles antes de comezar os traballos.

«Cando levantamos a praza atopámonos con problemas no subsolo que nos obrigaron a afrontar traballos adicionais e que fixeron que as obras se demoraran algo máis do previsto. Pero era necesario resolver esas cuestións para que o resultado final estivese á altura do que merece a veciñanza», sinalou.

Lourenzo subliñou tamén que o resultado é «unha praza completamente renovada, con materiais de calidade, máis accesible, con espazos verdes e pensada para que as persoas poidan vivila e compartila». O obxectivo, engadiu, é que este espazo funcione como punto de encontro e contribúa a dinamizar os negocios da contorna.

Coincidindo coa apertura do espazo, o Concello programou para os días 24 e 25 de outubro varias propostas culturais e de lecer dirixidas a diferentes públicos.

O sábado 24 de outubro, a programación comezará ás 11.30 horas cun obradoiro de maxia a cargo do Mago Teto, no local social de maiores, destinado a persoas de máis de 55 anos e con aforo limitado. Pola tarde, ás 17.30 horas, terá lugar GaleRock no Camiño, un espectáculo familiar que combina maxia e rock en directo. Ás 19.30 horas será a quenda de Desconcerto, un concerto de versións de pop e rock para todos os públicos. O domingo 25 de outubro, ás 12.30 horas, a Banda Artística de Arcade ofrecerá un concerto na nova praza.

A programación continuará a semana seguinte coa celebración do Samaín en Soutomaior, que volverá encher de actividade as rúas e os espazos públicos de Arcade.

O Concello convida a toda a veciñanza a achegarse a Talo Río, coñecer o resultado da renovación e participar nas actividades programadas para comezar a desfrutar deste novo espazo de encontro no corazón de Arcade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará