O voceiro do PP, Javier Bas, responde ao goberno local tras a súa denuncia pola ausencia de partidas directas para Redondela nos Orzamentos da Xunta de 2027 e atribúe esa ausencia de investimentos “a nula capacidade de negociación e nefasta xestión” da rexedora. Neste sentido os populares lembran que “outros concellos socialistas si conseguiron investimentos”.
O PP afirma que “o cero absoluto denunciado por Rivas non é tal, porque si hai partidas específicas nas contas galegas para Redondela” e asegura que “se a alcaldesa non é capaz de conseguir investimentos da Xunta, haberá que cambiar de alcaldesa porque hai moitos concellos socialistas que sí acadaron financiamento. Bas citou como exemplos Vilagarcía, O Grove, Ponte Caldelas, A Illa de Arousa e Tui que si contan con importantes partidas neses orzamentos “polo que se lle cae por completo a teoría da conspiración e habería que comezar a falar da súa incompetencia”.
O concelleiro popular cre que a actuación da rexedora coa Xunta estivo caracterizada por “moita confrontación e pouco traballo, nula capacidade de negociación, proxectos malos e unha xestión nefasta, totalmente demostrada tras perder máis de 9 millóns de euros de axudas neste mandato”.
Neste senso, o voceiro popular lembrou que Redondela perdeu a axuda da Xunta de Galicia para a construción da escola infantil de Chapela, que estivo con partida específica nos orzamentos galegos durante varios anos, e ten paralizado desde hai un ano máis dun millón de euros concedidos para a Avenida de Mendiño, que aparecen consignados nas contas autonómicas de 2027 nunha partida xenérica para actuacións deste tipo.
Bas considera que estes antecedentes inflúen na asignación dos recursos, xa que a Xunta busca garantir a execución das actuacións financiadas. Para o PP “estas cousas son as que ten en conta á Xunta cando fai un orzamento, porque hai moita competencia e moitas necesidades en todo o territorio, e o Goberno galego quere que as cousas se executen e non perder o tempo e xa comprobou, en demasiadas ocasións, que iso en Redondela non pasa”, lamentou Javier Bas, que considera “necesario e urxente” un cambio de rumbo no Concello para que Redondela “conte con representantes que a defendan con vocación, traballo e capacidade, porque é evidente que no Concello temos un problemón coa xestión”.









