A programación cultural de Soutomaior continúa este venres cunha proposta teatral a cargo do director e actor Quico Cadaval. Presentará o venres 23 no multiúsos de Arcade ás 20:30 horas un monólogo cheo de misterio, segredos e historias esquecidas da Guerra do 36. A entrada é de balde ata completar o aforo.
Quico Cadaval asume a autoría, dirección e protagonismo da montaxe do seu grupo, as Producións Teatrais Excéntricas. En «Os inocentes» a historia desenvólvese nunha taberna, a d’A Carrilana, onde unha noite «desvélase un segredo gardado 36 anos». Ao local chega un sinistro forasteiro e esa circunstancia precipita a revelación de que Manoel, o máis anodino dos clientes do local, fora o protagonista dunha historia conmovedora na guerra do 36.










