O noso experto en rock, Juan Álvarez, volve a Onda Torrella cunha nova entrega do seu especial dedicado á historia do rock. Nesta cuarta edición, continúa o percorrido que comezou no anterior especial sobre rock español e afonda nos inicios de Chapa Discos, o selo que contribuíu a dar voz a numerosas bandas e a impulsar o rock urbano durante os anos da Transición. A historia terá continuidade nunha segunda parte dedicada tamén a Chapa Discos.
A historia de Chapa Discos está estreitamente ligada á do xornalista, produtor e locutor de radio Vicente Romero, coñecido como Mariscal Romero. Nun momento no que moitos grupos de rock conseguían conectar co público nos concertos, pero atopaban dificultades para gravar os seus traballos, Romero apostou por crear un espazo discográfico para aquelas bandas que reclamaban o seu lugar na música española.
A iniciativa comezou a tomar forma en 1975 co recompilatorio ¡Viva el Rollo!, publicado por Gong/Movieplay e considerado un antecedente directo de Chapa Discos. Dous anos despois, en 1977, o selo comezou a funcionar como subselo de Zafiro Records, converténdose nunha plataforma fundamental para a difusión dunha nova xeración de músicos.
Entre os primeiros grupos que gravaron baixo este selo estaban Asfalto e Bloque. Máis adiante chegarían nomes como Leño, Ñu, Topo, Cucharada, Tequila, Burning, Barón Rojo e Obús, que contribuíron a ampliar os horizontes do rock feito en España.
Nesta nova entrega de Onda Torrella, Juan Álvarez acompaña o percorrido histórico cunha selección de oito temas que permiten achegarse a diferentes grupos e expresións daquela escena musical:
- Asfalto – Días de escuela
- Bloque – Undécimo poder
- Ñu – Algunos músicos fueron nosotros
- Morís – Sábado noche
- Leño – Este Madrid
- Topo – Mis amigos dónde estarán
- Mermelada – Coge el tren
- Cucharada – Social peligrosidad
Pero isto non queda aquí! Onda Torrella estrea “As Torrellas de Vanderlux”

Onda Torrella estrea unha nova sección musical da man de Hugo Amoedo, que leva por nome “As Torrellas de Vanderlux”. Tras a súa colaboración no anterior programa, o cineasta redondelán decidiu seguir formando parte deste espazo radiofónico achegando pequenas pezas nas que reflexiona sobre a vida mentres escoita música.
A súa actividade está estreitamente ligada a Vanderlux, a produtora coa que impulsa os seus proxectos cinematográficos.
A música ocupa igualmente un lugar importante no seu universo creativo, cun interese especial pola música xamaicana e o reggae. Agora, esa relación entre música e experiencias persoais trasládase a Onda Torrella a través de “As Torrellas de Vanderlux”, unha proposta na que Hugo comparte reflexións sobre a vida acompañadas de cancións.











