As bateas envoltas pola néboa ofrecen unha estampa espectacular da ría de Vigo. Esa é a escena que captou a fotógrafa afeccionada Begoña Brao desde Rande e que chamou a atención do xurado do concurso nacional «Mi rincón favorito», unha iniciativa de ámbito estatal que busca poñer en valor os lugares cos que as persoas manteñen unha vinculación especial. A imaxe recibiu un accésit, tras quedar finalista entre máis de 2.400 imaxes de toda España.
A autora, á que se pode atopar en Instagram baixo o perfil @kyrabrao, recibiu con satisfacción a noticia de que a súa fotografía fora seleccionada entre as finalistas e de que, finalmente, obtivera un accésit no concurso, no que participaron máis de 2.400 imaxes procedentes de toda España.
O certame «Mi rincón favorito» convida os participantes a compartir, a través dos seus perfís de Instagram, fotografías de lugares especiais do territorio español. A iniciativa desenvólvese arredor do 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, e emprega a fotografía e as redes sociais como ferramentas para promocionar o patrimonio, as paisaxes e a diversidade dos territorios.
Nove fotografías galegas entre as seleccionadas
Nesta sexta edición, nove fotografías tomadas en Galicia foron seleccionadas entre as finalistas. As imaxes amosan a diversidade paisaxística e patrimonial galega, con faros, paisaxes costeiras, patrimonio histórico, ceos nocturnos e solpores como protagonistas. Os lugares retratados abranguen distintos puntos da xeografía galega, desde A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela ata A Mariña, Ribadeo, Sarria, A Ramallosa, Cangas do Morrazo e Rande.
O certame distinguiu un total de 15 imaxes: cinco recibiron os premios principais e outras dez foron recoñecidas cun accésit. A fotografía de Begoña Brao, quedou así entre as destacadas polo xurado que recoñece así esa ollada especial que debe ter un fotógrafo para saber captar o momento.
As imaxes premiadas, tanto nesta edición como nas anteriores, pódense consultar no enderezo https://www.mirinconfavorito.com/









