Denuncian que mes e medio despois de iniciarse o curso “non se sabe que nenos e nenas son beneficiarios das axudas de Servizos Sociais, destinadas a familias que precisan deste recurso para que os seus fillos e fillas poidan acudir ao comedor”. Unha demora que xera problemas ás familias e carga de maneira indebida ás Anpas, obrigadas a asumir responsabilidades que non lles corresponden polo que esixen que as axudas se resolvan antes do inicio de curso. Lamentan tamén que as subvencións de Igualdade dos anos 2023 e 2025 acumulan meses de atraso no pagamento. Esta situación impide que as ANPAS dispoñan deses recursos para financiar servizos de conciliación como a aula matinal.
As subvencións de Igualdade dos anos 2023 e 2025 acumulan meses de atraso no pagamento, malia estar concedidas e xustificadas, obrigando as ANPAS a adiantar fondos propios e a soportar unha carga económica que non lles corresponde. Esta situación compromete a súa estabilidade financeira, dificulta o mantemento de servizos esenciais de conciliación, como a aula matinal, e pon en risco a súa continuidade, facendo recaer sobre as familias e as directivas das asociacións as consecuencias dos incumprimentos do Concello, xerando un malestar xeneralizado nas ANPAS.
Outra axuda que acumula “atrasos inaceptables” é a de comedor de Servizos Sociais. Trátase dunha axuda que leva anos xerando problemas graves tanto na súa tramitación como na súa resolución. Por unha banda, esixen que a resolución da axuda se produza antes do inicio de curso para que as familias poidan organizar a asistencia dos seus fillo e fillas ao comedor. No que corresponde á tramitación, é necesario simplificar o procedemento, evitando que as ANPAS teñan que adiantar cartos e asumir trámites e responsabilidades que lle corresponden á Administración.
As ANPAS de Redondela consideran imprescindible poñer fin a esta situación, que se vén prolongando durante os últimos anos, e reclaman ao Concello unha resposta efectiva e inmediata que permita resolver os atrasos nos pagamentos das subvencións de Igualdade e mellorar a xestión das axudas de comedor de Servizos Sociais.









