“A vivenda debe ser un ben básico e non un negocio”. Con esta idea, Eloy, veciño de Redondela, sumouse á acampada reivindicativa da Alameda de Vigo, onde arredor de 40 tendas dan forma a unha mobilización cidadá que reclama solucións á crise habitacional. A súa decisión responde a unha realidade que coñece de preto: as dificultades para acceder a un fogar, a falta de alternativas no mercado do alugueiro e a incerteza que impide a moitas persoas construír un proxecto de vida.
“É moi difícil mirar ao futuro así”, recoñece este mozo de pouco máis de 30 anos, que ve na actual crise da vivenda unha nova fonte de desconfianza para unha xeración marcada tamén pola crise económica de 2008 e pola pandemia. Para el, a imposibilidade de acceder a unha vivenda digna non é un problema exclusivo das grandes cidades, senón unha realidade que tamén se estende a municipios como Redondela.
Na súa propia experiencia, cando se mudou á vila atopou moi poucas opcións no mercado do alugueiro. A situación, explica, non pasa unicamente polos prezos, senón tamén pola falta de oferta. Unha realidade que, segundo sinala, tamén lle trasladan outros veciños do centro urbano.
Por iso considera importante concentrar esforzos nos puntos onde se están desenvolvendo as mobilizacións, sen esquecer que as consecuencias da crise se estenden moito máis alá deles. A súa presenza na acampada pretende contribuír a unha reivindicación común: garantir o acceso a unha vivenda digna como condición básica para desenvolver un proxecto de vida.
Arredor de 40 tendas e unha mobilización aberta á cidadanía
Eloy destaca o carácter plural e a organización da acampada da Alameda. Segundo os datos que achega, o espazo conta con arredor de 40 tendas, algunhas delas ocupadas por máis dunha persoa, e as asembleas chegan a reunir máis dun cento de participantes.
Aínda que a maior parte das persoas que permanecen acampadas son novas, tamén hai veciños e veciñas doutras idades que se achegan para coñecer a iniciativa ou colaborar. A organización busca, ademais, adaptarse ás posibilidades de cada participante, tendo en conta os horarios laborais e as obrigas persoais.
“Non todas podemos estar en todo, pero xuntas formamos o todo”, explica Eloy ao describir unha dinámica na que cada persoa contribúe na medida das súas posibilidades.
A resposta da cidadanía está a ser, segundo relata, especialmente positiva. Hai persoas que ofrecen as súas casas para que os participantes poidan ducharse, outras prestan axuda psicolóxica e tamén se reciben achegas de produtos básicos. Na acampada solicítanse alimentos que non precisen preparación, produtos de hixiene e materiais para acondicionar o espazo.
O mozo subliña que se trata dunha mobilización pacífica e que os participantes están a establecer protocolos para actuar ante posibles situacións de hostilidade, priorizando en todo momento a protección das persoas e evitando calquera resposta violenta.
Frear a especulación e ampliar a vivenda pública
As reivindicacións da acampada aínda se están concretando nas asembleas, pero Eloy apunta varias cuestións que considera fundamentais para abordar o problema. Entre elas, frear a especulación inmobiliaria, aumentar a dispoñibilidade de vivenda pública e estudar medidas como a declaración de Vigo como zona de mercado residencial tensionado.
Tamén sinala a influencia que pode ter a presión turística sobre o acceso á vivenda e lembra que as solucións non dependen dunha única administración. Concello, Xunta e Goberno central teñen competencias diferentes en materia de vivenda, regulación e promoción de pisos públicos.
A idea de fondo, insiste, é que a vivenda debe considerarse un ben básico e non un produto sometido unicamente á lóxica do mercado. Nese sentido, reivindica o cumprimento do artigo 47 da Constitución, que recolle o dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada e establece que os poderes públicos deben promover as condicións necesarias para facelo efectivo.
A convivencia diaria está a permitir que persoas con situacións moi distintas compartan experiencias e comprendan mellor a dimensión do problema. Para Eloy, esa interacción é unha das achegas máis importantes da mobilización, porque axuda a visualizar realidades que moitas veces quedan fóra do día a día de cadaquén.
A acampada da Alameda mantense, polo momento, sen unha data de finalización definida. Os participantes irán avaliando a súa continuidade e as próximas accións a través das asembleas.










