Hoxe é Venres 16 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Fiscalía pide 34 anos de cárcere para o acusado polo crime de Redondela

detido redondela

A Fiscalía solicita un total de 34 anos de prisión para Roberto Carlos G., un veciño de Redondela de 49 anos acusado de matar a coiteladas a José Augusto Freitas Costas, coñecido como Minino, que tiña 43 anos e de tentar acabar coa vida da súa parella sentimental, que resultou ferida grave, na madrugada do 31 de xaneiro de 2025. O suceso, que conmocionou a vila, tivo lugar tras unha discusión entre dous homes que se coñecían desde había anos e que traballaban no mar.

Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, o enfrontamento culminou cunha agresión con arma branca que lle causou a morte á vítima no lugar dos feitos, mentres que a muller tivo que ser trasladada de urxencia ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde foi intervida cirurxicamente. A causa será xulgada nos vindeiros meses por un tribunal do xurado na Quinta Sección da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

A acusación pública considera que os feitos son constitutivos dun delito de asasinato e doutro de asasinato en grao de tentativa, polos que reclama 20 e 14 anos de prisión, respectivamente. Ademais, solicita que o acusado non poida achegarse a menos dun quilómetro da supervivente durante 20 anos e que indemnice os prexudicados cun total de 243.201 euros.

Unha discusión que rematou en traxedia

Os feitos producíronse pouco antes das dúas da madrugada do 31 de xaneiro de 2025 nas inmediacións da ponte do Scalextric, na rúa Xeneral Rubín. A investigación policial apuntou desde o primeiro momento a unha liorta entre dous veciños que arrastraban diferenzas desde había anos.

Naquelas horas previas á agresión, José Augusto atopábase cun grupo de amigos nun salón de xogos da rúa Ernestina Otero. Alí mantivo unha forte discusión telefónica co acusado, con quen intercambiou mensaxes de WhatsApp e audios nos que ambos os dous se retaban e proferían ameazas.

Segundo recolle a Fiscalía, a vítima chegou a expresar a súa disposición a enfrontarse ao outro home, mentres que o acusado tamén anunciou que acudiría ao lugar para buscalo. Nunha das gravacións atribuídas a Roberto Carlos, este advertía: «Hoxe imos cear os tres no inferno», antes de preguntar onde estaba o salón de xogos e asegurar que ía ir alí.

Durante ese intervalo, José Augusto chamou á súa parella para pedirlle que lle levase unha carteira ao local. O que sucedeu a continuación desembocou nunha agresión mortal.

De acordo co relato fiscal, o acusado presentouse no exterior do salón de xogos arredor das dúas da madrugada e achegouse á vítima, á que feriu no pescozo cun coitelo de grandes dimensións. Tras esa primeira agresión, Roberto Carlos dirixiuse ao aparcadoiro do Campo de Feira, situado a uns 200 metros, onde tiña estacionado o seu BMW 320. José Augusto seguiuno e, cando o acusado xa estaba no vehículo, golpeou a porta do copiloto.

Nese momento chegou a parella da vítima, que acudira para entregarlle a carteira que lle pedira minutos antes. Segundo a versión da Fiscalía, o acusado saíu do coche portando dous coitelos e enfrontouse a ambos os dous.

O Ministerio Público sostén que Roberto Carlos actuou coa intención de acabar coa vida de José Augusto e lle asestou unha puñalada no costado esquerdo que lle alcanzou o corazón. A ferida provocou unha hemorraxia masiva que lle causaron a morte de maneira practicamente inmediata.

A continuación, sempre segundo o escrito de acusación, o procesado atacou pola parte traseira a parella do falecido e cravoulle un coitelo no costado esquerdo, causándolle lesións que tamén puxeron en risco a súa vida.

A muller tivo que recibir asistencia sanitaria urxente e ser sometida a unha intervención cirúrxica para evitar que falecese como consecuencia dunha hemorraxia interna. A agresión afectoulle á rexión retroperitoneal e ao ril esquerdo, unha zona na que se atopan órganos e vasos sanguíneos de especial importancia.

Como consecuencia do ataque, quedáronlle secuelas físicas e psicolóxicas, entre elas unha fractura nas costelas, cicatrices e estrés postraumático.

O acusado alegou lexítima defensa

Tras o suceso, a Policía Nacional abriu unha investigación e detivo o sospeitoso, un veciño de Redondela de 48 anos. A rápida actuación policial permitiu localizalo no seu domicilio, onde os axentes conseguiron que saíse da vivenda e procederon á súa detención. A Policía Local tamén localizou o vehículo que presuntamente empregara para abandonar o lugar.

Na súa declaración xudicial, o acusado alegou que actuara en lexítima defensa. Segundo a versión que ofreceu entón, a vítima o ameazara previamente a el, á súa muller e á súa filla menor a través de WhatsApp, e o encontro producírase para tratar de resolver as diferenzas que mantiñan desde había anos.

A Fiscalía, pola contra, sostén que a actuación do procesado foi deliberada e que atacou as dúas vítimas cando estas non tiñan capacidade efectiva para defenderse. Será o tribunal do xurado o que deberá valorar as probas e determinar a responsabilidade penal do acusado.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará