Hoxe é Xoves 15 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Asociación Española Contra o Cancro chama á prevención do cancro de mama e á participación na marcha solidaria de Vigo

A delegación provincial da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) prepara unha edición de Vigo en Marcha Contra o Cancro, unha carreira e andaina solidaria que se celebrará o vindeiro 18 de outubro na cidade olívica. O obxectivo é recadar fondos para a investigación oncolóxica e os servizos gratuítos que a entidade presta a pacientes e familiares.

A iniciativa coincide ademáis co Día Mundial do Cancro de Mama, que se conmemora o 19 de outubro. María Gómez, do departamento de sostibilidade económica da asociación destacou que a convocatoria vai máis alá da recadación económica e pretende unir deporte, solidariedade e prevención. Neste sentido, puxo en valor o labor das delegacións locais, que permiten achegar os servizos da asociación a distintos puntos da provincia. En 2025, a entidade realizou máis de 26.000 intervencións na provincia de Pontevedra, das cales máis de 800 corresponderon a Redondela.

A xornada contará cunha carreira competitiva de 10 quilómetros e unha andaina de cinco quilómetros, con saída e chegada na sede da asociación, situada na rúa Venezuela, número 34. A inscrición pode realizarse a través de Magma Sports e presencialmente na sede viguesa.

Prevención, investigación e acompañamento

Co gallo do Día Mundial do Cancro de Mama, a representante da AECC incidiu na importancia da detección precoz e de seguir avanzando na investigación. Segundo os datos citados, en España diagnostícanse máis de 38.000 novos casos ao ano e arredor de 500.000 mulleres conviven actualmente coa enfermidade. A supervivencia aos cinco anos achégase ao 88 %, unha porcentaxe que pode chegar ao 99 % cando o tumor se detecta en fases iniciais.

A campaña deste ano, baixo o lema Nos lo tomamos a pecho, busca poñer as pacientes no centro e atender tamén os seus medos, necesidades e preocupacións. Gómez lembrou, ademais, que os avances non deben facer esquecer o cancro de mama metastático, un dos ámbitos aos que se destinan fondos de investigación.

A asociación reclama tamén reforzar os recursos públicos para a atención integral, especialmente no ámbito psicolóxico e na fisioterapia oncolóxica, para que o acompañamento ás persoas enfermas e ás súas familias non recaia unicamente nas entidades sociais.

Xunto á marcha solidaria, a delegación viguesa celebra este 14 de outubro unha charla aberta ao público sobre os avances nos tratamentos e o futuro do cancro de mama, a cargo da oncóloga Isabel Lorenzo Lorenzo, ás 18.00 horas no anexo da planta baixa de El Corte Inglés de Vigo.

Gómez agradeceu o traballo do voluntariado, tamén o da delegación de Redondela, fundamental para mobilizar a cidadanía e ampliar o alcance dos servizos da entidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp