A praza do Concello de Redondela acolleu esta tarde unha concentración para reclamar unha sanidade pública de calidade e denunciar o deterioro dos servizos sanitarios. A mobilización puxo o foco na falta de recursos, na precariedade asistencial e no risco de que os intereses privados sigan gañando terreo a costa da sanidade pública.
Durante a concentración, o médico e portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Moreira repasou os principais problemas que afectan os centros de saúde da contorna e reclamou medidas urxentes para garantir unha atención sanitaria digna e accesible para toda a cidadanía.
Un dos principais motivos de preocupación é a situación do centro de saúde de Redondela, que, segundo se denunciou na mobilización, sofre unha importante precariedade asistencial. Entre as demandas formuladas destacan a cobertura de todas as vacantes, o fin dos recortes e a recuperación da quenda de tarde, co obxectivo de mellorar a atención e dar resposta ás necesidades da poboación que a día de hoxe presentan listas de agarde de un mes ou mes e medio para unha cita na atención primaria.
Outro dos puntos destacados foi a atención á saúde mental, considerada insuficiente. Neste ámbito, alertouse da gravidade do problema dos suicidios en Galicia, cunha as taxas máis elevadas de todo o estado, e da necesidade de reforzar os recursos asistenciais para ofrecer unha resposta adecuada ás persoas que precisan apoio.
As reivindicacións estendéronse tamén ao medio rural, onde se reclama un plan de choque que garanta o transporte e os servizos sanitarios de proximidade, evitando que a dispersión territorial se converta nun obstáculo para acceder á atención médica.
A concentración serviu tamén para reivindicar o carácter público da sanidade e advertir dos riscos que, ao xuízo das persoas participantes, supoñen os intentos de desviar recursos do sistema público cara ao privado. A defensa dunha sanidade pública forte, con persoal suficiente e servizos accesibles, foi unha das ideas centrais da mobilización.
A mensaxe foi clara: nin un paso atrás nun dereito conquistado co esforzo colectivo. Fronte á precarización dos servizos e ás dificultades que atravesa a atención sanitaria, reclamouse “unidade, implicación social e á determinación para seguir defendendo unha sanidade pública, universal e de calidade”.












