Hoxe é Mércores 23 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Festival Rock Xuventude de Redondela xa ten nova data: celebrarase o 10 de outubro na Feira do Gando

A primeira edición do Festival Rock Xuventude, organizado polo Concello de Redondela, celebrarase finalmente o sábado 10 de outubro, despois do adiamento da cita inicialmente prevista para o 29 de agosto debido á previsión de choiva. O evento cambia tamén de localización e terá lugar na Feira do Gando, a partir das 21:00 horas, con entrada de balde.

A programación contará coa participación de Maneiro, Malfinde, Eleven, Xalundes e Jay & The Smoking Machines, nun cartel que aposta principalmente polos sons de guitarras e percorre diferentes territorios dentro do rock, desde o pop-punk ata o hard rock, o metal e outras propostas. As propias bandas destacan que a selección supón unha representación da actividade musical que existe actualmente en Redondela.

Música propia e novos públicos

Un dos aspectos que os músicos consideran máis relevantes é que o festival sirva tamén para reivindicar a creación musical propia e achegar estes proxectos a persoas que quizais aínda non os coñecen. A cita pretende converterse nun punto de encontro para a escena musical local e ofrecer un espazo no que as bandas poidan presentar os seus proxectos ante novos públicos.

Os participantes destacan ademais a boa resposta que adoita ter a música local en Redondela. A presenza de Maneiro achegará, pola súa parte, unha proposta cunha traxectoria ampla e diferente á das formacións máis novas do cartel. Os músicos consideran que a súa participación pode funcionar tamén como reclamo para público.

Un festival que quere ter continuidade

Durante a presentación da cita, as bandas participantes puxeron sobre a mesa a importancia de que esta primeira edición non quede nunha experiencia puntual. Consideran que o Festival da Xuventude pode medrar nos próximos anos, incorporar novas formacións e converterse nunha referencia para a música local.

Un dos integrantes apuntaba precisamente á experiencia doutros festivais galegos que comezaron en formatos pequenos e que posteriormente conseguiron consolidarse. Nesa liña, facía un chamamento ao Concello para manter a aposta polo rock e, especialmente, polas bandas locais.

A intención, explican, vai máis alá de ofrecer unha noite de concertos. Trátase tamén de animar a novas xeracións a coller un instrumento, formar grupos e crear música, recuperando unha tradición que durante anos tivo un peso importante en Redondela.

Nese sentido, lanzaron unha mensaxe directa á xente nova: non é necesario acudir a un conservatorio nin ter grandes medios para comezar a facer música. A experiencia de xuntarse, ensaiar e aprender colectivamente pode ser, segundo explican, moi importante para a saúde mental “case como unha terapia”.

Tamén reclamaron que se coiden e melloren os espazos municipais destinados ao ensaio e á creación musical, ao considerar que contar cun local gratuíto é unha oportunidade que non existe en todos os municipios.

A cita será finalmente o sábado 10 de outubro, ás 21:00 horas, na Feira do Gando, con Maneiro, Malfinde, Eleven, Xalundes e Jay & The Smoking Machines como protagonistas. A entrada será de balde.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Farmacia de garda: Os suplementos

Melatonina ou magnesio para combater o insomnio, ácidos graxos omega-3 e complexos vitamínicos para o benestar xeral, coláxeno ou vitamina D para coidar os ósos… O consumo de complementos alimenticios

Escoitar audio »