A Cultural de Vilar de Infesta dá comezo ao curso 2026-2027 cunha ampla programación de actividades dirixida a diferentes idades e intereses. Música, baile, deporte e actividade física volven ocupar a programación do Centro Cultural, que afronta esta nova tempada co obxectivo de seguir sendo un punto de encontro para a veciñanza.
Entre as propostas previstas para este curso atópanse gaita e percusión, pandeireta, pilates, ximnasia, zumba, baile moderno e baile de salón. As diferentes actividades comezarán ao longo deste mes de setembro e as persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición e consultar os horarios e prezos correspondentes a cada proposta.
Desde a entidade animan á veciñanza a achegarse e participar nas actividades, tanto ás persoas que xa forman parte da Cultural como a aquelas que se incorporen por primeira vez. A intención é que o Centro Cultural continúe sendo un espazo aberto á participación, ao lecer e á convivencia entre veciños e veciñas.
Melloras nas instalacións
O inicio do novo curso chega tamén acompañado de diversas actuacións de mellora no propio Centro Cultural. Durante os últimos meses realizáronse traballos de acondicionamento que afectaron á fachada, á entrada e á carpintería, ademais doutras intervencións no interior do edificio.
Estas actuacións teñen como finalidade mellorar as condicións das instalacións e facer do Centro Cultural un espazo máis cómodo e axeitado para o desenvolvemento das distintas actividades. Ademais, está previsto que nos próximos meses continúen os traballos de acondicionamento e mellora das salas destinadas ás actividades.
A maior parte destas obras están sendo financiadas pola Comunidade de Montes, cuxa colaboración consideran fundamental desde a directiva da Cultural para poder acometer as diferentes actuacións. A entidade quere agradecer o compromiso coa mellora dun espazo que, segundo sinalan, é “a casa de todos e todas” e está destinado ao uso e desfrute da veciñanza.
A Cultural tamén pon en valor a colaboración das diferentes asociacións da contorna, cun agradecemento especial á Asociación de Veciños San Martiño, polo seu apoio e implicación na mellora do Centro Cultural.
A entidade fai un chamamento á veciñanza para coñecer a programación, achegarse ás actividades e aproveitar un espazo pensado para compartir tempo e experiencias ao longo de todo o curso.
Información e inscricións:
Xeral: 647 910 929 / 657 458 795
Pilates: 620 270 387









