Alberto Álvarez recollendo o diploma
Redondela volve situarse entre os municipios galegos comprometidos coa protección da saúde e do medio ambiente. O Concello revalidou este ano a Medalla de Ouro da Rede Galega de Praias sen Fume, un distintivo que certifica que o 100% dos areais do municipio son espazos libres de tabaco e de dispositivos electrónicos de vapeo.
O concelleiro de Medio Ambiente e Saúde, Alberto Álvarez, foi o encargado de recoller o diploma nun acto oficial organizado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e presidido polo conselleiro Antonio Gómez Caamaño. Redondela forma parte así do grupo de 13 concellos da provincia de Pontevedra que conseguiron a máxima distinción, ao manter toda a súa costa libre de fume.
A iniciativa ten como principais obxectivos protexer a saúde da veciñanza e das persoas visitantes fronte ao fume do tabaco, especialmente no caso da poboación infantil e xuvenil, e reducir tamén o impacto ambiental das cabichas. Estes residuos constitúen unha das formas máis habituais de contaminación nos areais e poden causar danos nos ecosistemas mariños.
A aposta de Redondela por crear contornos libres de tabaco vai máis alá das praias. O Concello estendeu tamén esta iniciativa ao Paseo da Xunqueira e á Alameda de Castelao, que xa están sinalizados como “Espazos sen Fume”.
Segundo explicou Alberto Álvarez, esta ampliación naceu da Mesa Local de Saúde, órgano de participación comunitaria desde o que se impulsan propostas relacionadas co benestar da cidadanía. O proxecto desenvolveuse en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e contou tamén coa participación do alumnado dos institutos locais, que tomou parte nun proceso de votación para escoller estes dous espazos.










