O Concello de Redondela recoñeceu a traxectoria do ciclista local Iker Vieitez Domínguez coa entrega do diploma ‘Orgullo Redondelán’, unha distinción coa que a administración municipal pon en valor os éxitos deportivos acadados polo mozo, especialmente o seu recente subcampionato de España de Pump Track na categoría Infantil.
O acto de recoñecemento celebrouse coa presenza da alcaldesa, Digna Rivas, e do concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, que foron os encargados de entregar o diploma en representación da corporación municipal. Iker estivo acompañado pola súa familia e por varios integrantes da corporación.
Con apenas 14 anos, o deportista de Vilar de Infesta xa conta cun palmarés destacado. Foi campión galego de Pump Track en 2024 e 2026, ademais de subcampión en 2025 e terceiro clasificado en 2023. Na Copa Galicia tamén conseguiu importantes resultados: proclamouse campión en 2025, foi subcampión en 2024 e actualmente ocupa a segunda posición na clasificación provisional da edición de 2026, aínda en disputa.
A nivel estatal, Vieitez acadou en 2025 a cuarta posición e deu este ano un paso máis ao subir ao podio e conseguir o título de subcampión de España 2026 na categoría Infantil.
Durante o acto, a alcaldesa Digna Rivas destacou o esforzo e a constancia do mozo deportista, ao que puxo como exemplo para a mocidade de Redondela. A rexedora salientou tamén a importancia de contar con deportistas capaces de levar o nome do municipio ás competicións nacionais e puxo en valor os valores asociados ao deporte base.
Rivas quixo estender o recoñecemento á familia de Iker e á veciñanza de Vilar de Infesta polo apoio que lle ofrecen ao longo da súa carreira deportiva. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, felicitou o ciclista polo traballo realizado e trasladoulle os seus mellores desexos para os próximos retos sobre a bicicleta.
O diploma ‘Orgullo Redondelán’ súmase así aos recoñecementos recibidos por un deportista que, con só 14 anos, continúa consolidándose como unha das promesas do Pump Track galego e estatal.









