Hoxe é Sábado 5 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Verbena, churrascada e tradición nas Festas da Teixeira

WhatsApp Image 2026-09-04 at 15.31.02

As festas de A Teixeira, na parroquia do Viso, arrancan este venres cun programa que combina tradición, música, churrascada popular e actividades para todos os públicos.

A programación comeza este venres, 4 de setembro, ás 19:00 horas coa celebración da novena e a posterior baixada da Virxe en procesión, acompañada pola charanga Radio Tropical. Unha vez rematado o acto relixioso, o recinto festivo acollerá unha churrascada popular, tamén amenizada pola charanga.

A cea terá un prezo de 12 euros e incluirá media tira de churrasco, medio criollo, medio chourizo e unha tapa de paella. Segundo explica Víctor, integrante da comisión de festas, xa hai reservas para unhas 200 persoas, aínda que a organización prevé preparar máis racións para atender tamén as reservas de última hora.

A noite continuará con propostas musicais e de entretemento para diferentes públicos, coa actuación do humorista Juan de Arcade, o espectáculo de Ashley Ferraro e a sesión de DJ Anhell. Todas as actuacións serán de acceso libre, polo que non será necesario participar na churrascada para achegarse ao recinto e gozar da programación.

Sábado de verbena

O sábado estará reservado para unha das grandes noites festivas de A Teixeira. A partir das 22:00 horas terá lugar unha verbena protagonizada polo dúo La Visión e a orquestra Marbella, cun repertorio pensado tanto para os amantes da música de baile como para o público máis novo.

Víctor destaca precisamente a intención da comisión de ofrecer unha programación variada. “Facémolo enfocado a todos os públicos, pensando tanto na xente maior como nos máis novos”, sinala. A verbena prolongarase ata aproximadamente as 4:00 horas e contará coa barra da comisión, que permanecerá aberta durante as tres xornadas festivas.

O domingo, día grande

O domingo, 6 de setembro, chegará o día grande das festas, marcado especialmente polos actos relixiosos. A xornada comezará ás 12:00 horas coa procesión da imaxe da Santa cara á igrexa parroquial, acompañada pola Banda de Música Municipal da Lama. Durante o percorrido terá lugar o tradicional encontro co Sagrado Corazón de Xesús.

Ás 13:00 horas celebrarase a misa solemne na igrexa parroquial, seguida dunha nova procesión e da ofrenda floral no cemiterio en memoria dos defuntos. Unha parte da celebración que, segundo explica Víctor, mantén un importante significado para a veciñanza: “É o día grande do barrio e a xente xúntase coas familias para o xantar e para compartir o día”.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, os máis pequenos terán o seu espazo coa animación infantil de Héroes da Ciencia. A continuación actuará a Banda Escola de Chapela e, como peche das festas, o trío musical 3.Com poñerá o punto final cun repertorio pensado para o baile e con cancións de diferentes épocas.

“Somos bastante poucos, pero con traballo e cariño todo se fai”, explica Víctor, que tamén aproveita para facer un chamamento á incorporación de novas persoas á comisión. A falta de relevo xeracional é, segundo apunta, unha das principais dificultades: “Sería unha marabilla que algún veciño se animase a botar un cable”.

Con todo preparado, Víctor anima a veciñanza de Redondela e dos concellos próximos a achegarse durante esta fin de semana a A Teixeira.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará