A praia de Cesantes ten desde onte unha zona na que non está permitido o baño. As últimas mostras tomadas na auga detectaron unha concentración de E. coli por riba dos niveis establecidos para garantir unhas condicións adecuadas para o baño, polo que se activou de maneira preventiva a restrición.
A medida afecta exclusivamente ao tramo situado na parte dereita do areal, entre a punta e o arroio. Nese punto permanece izada a bandeira vermella como sinal de advertencia aos bañistas.
O peche chega despois dos controis de calidade realizados nas augas da praia, que determinaron que os parámetros microbiolóxicos non son neste momento compatibles co baño. Trátase dunha medida temporal que se manterá mentres non se confirme a recuperación da calidade da auga.
O levantamento da prohibición dependerá dos resultados das novas analíticas que realice a Consellería de Sanidade. Será cando os valores se sitúen novamente dentro dos límites establecidos cando se poderá autorizar o baño no sector afectado.
Desde o Concello de Redondela pide, mentres tanto, á cidadanía respectar a sinalización instalada na praia e a non entrar na auga no tramo no que permanece activa a prohibición.









