Hoxe é Sábado 29 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela reúne máis de mil motos na XII Xuntanza Moteira Vila dos Viadutos

14c3bc8d-9518-4168-bfb9-93f2c49b53b2

A XII edición celebrarase este sábado 29 de agosto na Avenida de Mendiño e contará coa participación do piloto portugués Paulo Martinho e dos tres pilotos do Arousa Team que subiron ao podio no Gran Premio de La Bañeza.

Redondela volverá converterse este sábado 29 de agosto nun punto de encontro para os afeccionados ao mundo das dúas rodas coa celebración da XII Xuntanza Moteira Vila dos Viadutos. A cita, organizada polo Motoclub de Redondela, desenvolverase na Avenida de Mendiño desde o mediodía e aspira a reunir arredor de 1.000 ou 1.200 motos, segundo as previsións da organización.

A programación dará comezo ás 12:00 horas, coa apertura do recinto e animación musical, e incluirá ao longo da xornada unha ruta moteira por varios concellos da comarca, exhibicións, música, gastronomía con 500 quilos de mexillóns e diferentes actividades para participantes e público. O presidente do Motoclub de Redondela, Carlos Figueroa, explica que a xuntanza medrou ano tras ano e que xa atrae a afeccionados procedentes de diferentes puntos de Galicia e do resto de España. De feito, sinala que mesmo teñen confirmada a presenza de motoristas procedentes de Barcelona que se atopan de vacacións en Galicia.

Paulo Martinho, protagonista das exhibicións de freestyle

Un dos grandes atractivos desta edición será a presenza do piloto portugués Paulo Martinho, considerado pola organización un dos referentes europeos do freestyle sobre dúas rodas. O piloto ofrecerá dúas exhibicións, nas que combinará invertidos, derrapaxes e saltos coa motocicleta, nun espectáculo que tamén incluirá o seu Mini V6.

Os pases están previstos entre as 19:30 e as 20:30 horas e entre as 22:30 e as 23:30 horas. Paulo Martinho desprazarase ata Redondela con catro motos de diferentes características, coas que realizará distintas manobras ao longo do espectáculo, ademais do Mini V6.

 “É un dos mellores de Europa e este ano, con moito esforzo, conseguimos contratalo. É unha persoa que move moitísima xente porque é especialista en freestyle”, destaca Carlos.

A exhibición obrigará ademais a realizar cortes puntuais de tráfico na Avenida de Mendiño. Segundo explica a organización, durante os dous pases estará pechado ao tráfico o tramo comprendido desde a zona do bar Rivas ata a rotonda.

Dispositivo de seguridade e recomendacións ao público

A organización contará coa colaboración da Policía Local e Protección Civil, ademais dun recinto delimitado e valado para garantir a seguridade durante as actividades e, especialmente, durante as exhibicións de freestyle.

O presidente do motoclub fai un chamamento ao público para que respecte as distancias de seguridade e non se apoie nin empuxe os valados durante os espectáculos.

Outra das novidades destacadas desta edición será a presenza de Juan Buiturón, Jorge Abal e Marcos Figueira, do Arousa Team, convidados especiais da xuntanza tras a súa destacada participación no Gran Premio de Motociclismo de La Bañeza, onde o equipo volveu ser protagonista. Os tres pilotos estarán en Redondela coas súas motocicletas para compartir a xornada cos afeccionados, que poderán achegarse para coñecelos, sacarse fotografías con eles e conseguir autógrafos.

A zona do recinto estará ademais ocupada por numerosas motocicletas e contará con postos de merchandising e diferentes iniciativas dos patrocinadores. O Motoclub de Redondela agradece especialmente o apoio recibido polo comercio e o tecido empresarial local, cunha cifra que este ano alcanza os 90 patrocinadores.

A música será outro dos elementos protagonistas da xornada. O DJ Rubín, habitual xa na xuntanza, será o encargado de poñer ritmo á festa, que se prolongará ata aproximadamente as 2:30 ou 3:00 da madrugada.

Ao longo do día tamén se realizarán sorteos e entrega de agasallos achegados polos patrocinadores, completando unha programación pensada para prolongarse durante máis de doce horas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará