Redondela, en pequeno formato
O Multiusos da Xunqueira acolle ata o vindeiro 15 de setembro a exposición «A nosa pequena vila», unha mostra moi especial que permite percorrer o centro de Redondela sen saír das dúas salas nas que se reúnen máis dun cento de maquetas de edificios e espazos emblemáticos da vila.
Detrás deste minucioso retrato de Redondela en miniatura está Gene Muíños Reboredo, profesor xubilado e afeccionado ás maquetas desde hai décadas. Leva 25 anos reproducindo a escala edificios da vila, nun labor artesanal que esixe paciencia, dedicación e unha gran atención ao detalle. De media, cada maqueta require arredor de dous meses de traballo e varias horas diarias de dedicación.
O proceso comeza coa documentación e a fotografía dos edificios e continúa coa súa reprodución en tres dimensións, empregando madeira, colas e diferentes materiais. Un traballo no que as novas tecnoloxías tamén se converteron nunha importante ferramenta. Google Maps e o Catastro permiten a Gene coñecer medidas, patios e recunchos que antes obrigaban a realizar un labor de investigación moito máis complexo.
Esta segunda edición de «A nosa pequena vila» dá continuidade á exposición presentada en 2023 e incorpora arredor de 30 novas maquetas, ata superar o centenar. Tras máis de vinte anos de traballo, Gene conseguiu reproducir boa parte do centro da vila, incluíndo numerosos detalles que axudan a recoñecer os espazos representados: desde edificios e rúas ata mobiliario urbano ou elementos escultóricos.
A colección, que se abriu ao público por primeira vez no 2023 animado pola súa muller, Alejandra Pazos, continúa medrando. Aínda queda pendente algunha zona, como o Salgueiral, pero Gene asegura que, unha vez rematada a exposición, non está previsto que volvan saír da súa casa.
Falamos con Gene Muíños sobre a exposición, o proceso de creación das súas maquetas e as novidades que incorpora esta segunda edición de «A nosa pequena vila».





