Hoxe é Mércores 5 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Treintañeras Cañeras regresa a Redondela presentando “Ibericana”

Entrevista completa a Óscar de Treintañeras Cañeras

O Brisa Chiringo de Cesantes acolle este xoves 6 de agosto, ás 21.30 horas, o regreso de Treintañeras Cañeras a Redondela. A banda viguesa chega coa xira de Ibericana, o seu novo traballo discográfico, nun concerto no que prometen un espectáculo con novidades escénicas e algunha sorpresa para o público.

O concerto servirá tamén para presentar Ibericana en Redondela, un disco que culmina un proceso de máis dun ano no que o grupo foi publicando varios sinxelos antes da saída do álbum completo. Segundo explica o músico, a elaboración do traballo coincidiu cun período de cambios na formación, pero o resultado deixou á banda satisfeita. 

Fieis ao seu estilo, Treintañeras Cañeras manteñen a ironía e a crítica social como sinal de identidade. Óscar (baixo) resume a inspiración das súas letras cunha frase que define o espírito do disco: “Para facer un álbum coma este chega con ler o xornal un par de veces á semana”. Ibericana toma como referencia visual o mítico Americana de The Offspring para construír unha sátira da realidade actual, non só da política, senón tamén doutros aspectos da cultura popular e da sociedade española.

Musicalmente, o álbum amplía os límites da banda. Ao punk habitual súmanse propostas inesperadas como Sangenjo, definida por Óscar como unha balada, ou Aerobic para vagos, un tema electrónico que rompe coa sonoridade clásica do grupo e que esperan escoitar “nas noites dos garitos”.

Coincidindo coa publicación do disco, Treintañeras Cañeras estreou ademais un documental dispoñible en YouTube no que repasa a súa traxectoria cun ton humorístico. A peza, gravada e producida integramente pola propia banda, naceu coa intención de ofrecer un contido audiovisual diferente que acompañase o lanzamento de Ibericana.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp