A estudante redondelá Carla Acosta continúa sumando recoñecementos á súa traxectoria académica. Tras rematar o Bacharelato con matrícula de honra, foi unha das oito persoas seleccionadas en toda España para participar no programa Acércate, impulsado polo Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC), unha iniciativa que busca achegar aos mellores estudantes ao mundo da investigación científica. Nos próximos meses dará ademais un novo paso na súa formación ao iniciar os estudos de Biomedicina no prestixioso Instituto Karolinska, en Estocolmo.
A experiencia no CNIC desenvolveuse durante cinco días de intenso traballo en Madrid, con xornadas completas nos laboratorios realizando experimentos e coñecendo o funcionamento dun dos principais centros de investigación do país. Entre outras actividades, os participantes traballaron con vectores virais, cultivos celulares e microscopía.
Durante a estancia tamén participaron nun taller sobre a presenza das mulleres na ciencia, no que analizaron a desigualdade existente nos postos de maior responsabilidade: “Saín do programa con aínda máis ganas de dedicarme á investigación, a pesar das dificultades que tamén nos amosaron”.
Carla iniciará en setembro o grao de Biomedicina no Instituto Karolinska, unha das institucións de maior prestixio internacional no ámbito das ciencias da saúde e responsable da concesión do Premio Nobel de Medicina.
A futura universitaria tamén quixo reivindicar o papel do ensino público na formación do talento científico. Lembrou que a maior parte dos participantes en Acércate procedían de institutos públicos e destacou a importancia do profesorado que a animou a participar en actividades científicas máis aló da aula. En especial, agradeceu o apoio do profesor Luis Conde, do IES Illa de San Simón, quen a animou a participar nas Olimpíadas Científicas, unha experiencia que considera decisiva na súa traxectoria. “Se non tivese vivido aquela primeira experiencia que nos levou a Tailanda, probablemente hoxe non estaría pensando en marchar ao Karolinska”, concluíu.


