Os usuarios e usuarias da Cruz Vermella pasan polos micrófonos da Radio Municipal para compartir as actividades nas que participan durante estas xornadas de verán e animar á veciñanza a sumarse a esta iniciativa, achegándose para participar, compartir experiencias e convivir.
Rosa María Casal, malia ter algúns problemas de mobilidade, non falta aos paseos saudables. Explica que son percorridos adaptados ás posibilidades de cada participante, de xeito que cada persoa camiña ata onde pode. Cando se sente cansa, busca un lugar onde descansar e agarda a que o resto do grupo complete o itinerario e regrese.
Alfonso Seijo participa na Cruz Vermella cun dobre papel: como usuario e tamén como voluntario. Nesta última faceta colabora nos obradoiros Dixitalízate, nos que axuda a outras persoas a familiarizarse co teléfono móbil, desde as funcións máis básicas ata o manexo de aplicacións de uso cotián, como Sergas Móbil. Un labor co que contribúe a reducir a fenda dixital e a facilitar a autonomía das persoas participantes.


