A prevención non depende unicamente da Administración. Lembra que máis do 90% da superficie forestal galega é de titularidade privada e que a responsabilidade de manter limpas as parcelas corresponde aos seus propietarios.
Galicia entrou de cheo na campaña de alto risco de incendios forestais cun escenario que preocupa aos profesionais do operativo. A primavera seca e os episodios de vento do nordés, que resecan rapidamente a vexetación, fan que as condicións deste inicio de verán sexan menos favorables do esperado. Con todo, desde a Asociación Profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) apelan á prudencia e lembran que será ao remate da campaña cando se poida facer unha valoración definitiva.
Así o explica o presidente da entidade, Félix Pérez de la Fuente, quen sinala que os incendios deixaron de ser un problema exclusivamente estival. As condicións meteorolóxicas das últimas semanas contribuíron a incrementar o risco. Os ventos de nordés, habituais nesta época, secan a vexetación e fan que o combustible vexetal estea máis dispoñible para a ignición. A isto súmase unha primavera especialmente seca, un cóctel que dificulta as tarefas de extinción cando se produce un lume.
A prevención segue sendo a gran materia pendente
Aínda que a extinción continúa sendo imprescindible, Pérez de la Fuente considera que a prevención debe centrarse en actuacións estratéxicas máis que en intentar abarcar todo o territorio.
“A prevención global en Galicia é moi complicada porque o crecemento da biomasa é moi rápido”, afirma. Por iso defende priorizar a protección das contornas habitadas, manter limpas as infraestruturas e recuperar un modelo de transición entre as aldeas e o monte semellante ao tradicional, con zonas agrícolas ou de pastoreo que actúen como barreira fronte ao lume.
Na súa opinión, tamén é necesario identificar aqueles núcleos de poboación con maior risco para orientar alí os esforzos preventivos.
Unha das ideas nas que máis insiste o presidente de APRAFOGA é que a prevención non depende unicamente da Administración. Lembra que máis do 90% da superficie forestal galega é de titularidade privada e que a responsabilidade de manter limpas as parcelas corresponde aos seus propietarios.
“A Administración por si soa é incapaz de asumir esa tarefa”, afirma. Por iso reclama unha maior implicación da cidadanía, especialmente no mantemento das franxas de protección próximas ás vivendas, xa que considera que reducir o combustible nesas zonas pode minimizar o impacto dos incendios sobre os núcleos habitados.
A maioría dos incendios seguen sendo intencionados
Outro dos datos máis rechamantes que achega Pérez de la Fuente é o relacionado coa orixe dos incendios. Aínda que a mellora das investigacións permitiu comprobar que existen máis accidentes e neglixencias dos que inicialmente se pensaba, asegura que a intencionalidade continúa sendo moi elevada.
“Entre o 60 e o 70% dos incendios forestais en Galicia son intencionados”, afirma.
O presidente de APRAFOGA considera que Galicia arrastra unha histórica “cultura do lume” que cómpre erradicar. Fronte a esa realidade, aposta por combinar a investigación policial co traballo educativo.
“Educación, educación e educación”, resume como principal receita. Un labor que, explica, xa se desenvolve nos centros escolares para transmitir ás novas xeracións que os incendios só provocan “pobreza, miseria e danos ambientais moitas veces irreparables”.
Máis formación e especialización para o colectivo
Entre as principais reivindicacións da asociación figura reforzar a especialización dos axentes forestais. Pérez de la Fuente considera que a crecente complexidade dos incendios e das competencias que asumen os profesionais require unha formación continua e específica.
Neste sentido, celebra a recente creación da UDEX (Unidade de Directores de Extinción), unha nova unidade integrada por 15 axentes especializados na dirección de extinción de incendios complexos, unha medida que considera un paso importante para mellorar a capacidade de resposta do operativo.
“O que pedimos sempre é especialización e formación continua. É imprescindible para poder facer ben o noso traballo”, asegura.
A pesar de que nos últimos días a subida da humidade e o descenso das temperaturas ofreceron un pequeno respiro, desde APRAFOGA insisten en que a campaña acaba de comezar e que aínda quedan semanas de especial risco.
“Estamos nunha calma tensa. Queda moito verán e o susto pode aparecer en calquera lugar”, conclúe Félix Pérez de la Fuente.
Grandes incendios: unha ameaza cada vez máis real
Pérez de la Fuente advirte de que os ingredientes para que se produzan grandes incendios forestais continúan presentes. O cambio climático, unido ao abandono do rural e á expansión continua da masa forestal, favorece que os lumes poidan alcanzar grandes dimensións.
A evolución dos incendios obrigou tamén a modificar a forma de traballar dos equipos de extinción. APRAFOGA destaca a incorporación de ferramentas dixitais que permiten coñecer en tempo real a situación de todos os efectivos despregados e planificar as operacións directamente desde dispositivos móbiles.
Segundo explica o presidente da asociación, aplicacións como Xeocode Lite permiten deseñar estratexias sobre o terreo e compartilas instantaneamente con todo o operativo, mellorando tanto a coordinación como a seguridade das intervencións. Un sistema que, asegura, sitúa a Galicia entre as referencias na xestión tecnolóxica dos incendios. “Temos a tecnoloxía e un equipo de profesionais que é dos mellores de Europa, senón o mellor”, sinala.



