Tres deportistas do Club de Atletismo de Redondela participaron no XLII Gran Premio Internacional Cidade de Vigo, unha das citas máis destacadas do calendario galego de atletismo ao aire libre. A competición, celebrada nas pistas municipais de Balaídos, reuniu a atletas de diferentes categorías e tamén a deportistas internacionais.
A actuación máis destacada da representación redondelá chegou da man de Gael Couñago Romasanta, que se proclamou vencedor na proba de salto de altura da categoría sub-20. O atleta superou o listón situado en 1,95 metros, unha marca que lle permitiu subir ao máis alto do podio. Posteriormente intentou mellorar a súa mellor marca persoal de 2,01 metros buscando superar os 2,03, aínda que nesta ocasión non conseguiu franquear esa altura.
Tamén deixou boas sensacións Iván Lago Fontán, quen continúa progresando na velocidade. O atleta sénior logrou rebaixar o seu rexistro nos 100 metros lisos, establecendo unha nova marca persoal cun tempo de 11.91 segundos, confirmando a súa evolución nesta especialidade.
Pola súa banda, o máis novo da expedición, Manuel Rivas Gómez, da categoría sub-10, asinou unha destacada actuación ao conseguir a súa mellor marca da tempada en salto de lonxitude, cun rexistro de 2,57 metros. Ademais, bateu a súa marca persoal na carreira de 500 metros, cruzando a meta cun tempo de 1:56.07.
Entre os atletas estranxeiros de maior nivel destacou a colombiana Flor Denis Ruiz, subcampioa mundial de lanzamento de xavelina, que se impuxo na súa especialidade cun mellor lanzamento de 65,25 metros.











