Hoxe é Xoves 9 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O mosquito tigre consolida a súa presenza en Redondela

IMG-20260708-WA0009

Foto de Yasmina Martínez

O mosquito tigre (Aedes albopictus) xa forma parte da realidade de Redondela. A súa detección no municipio, confirmada dentro da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC) da Xunta, evidencia a expansión dunha das especies invasoras de maior interese sanitario en Galicia. Aínda que o risco actual de transmisión de enfermidades continúa sendo baixo, os especialistas advirten de que a combinación entre cambio climático, mobilidade global e elevada densidade de poboación fai necesario reforzar tanto a vixilancia como a prevención.

Os datos do Informe Final REGAVIVEC 2025 sitúan Redondela entre os concellos onde se confirmou novamente a presenza do mosquito tigre, con 168 exemplares capturados – fronte aos 9 do ano pasado – durante a campaña de seguimento. A maior concentración continúa rexistrándose en Moaña, con 719 capturas, seguida de Vigo, con 494, mentres que tamén se consolidou a presenza da especie en Cangas (13 exemplares), Vilaboa (4), Bueu (2), Poio (1), Mos (80), Ponteareas (1), Salvaterra de Miño (2) e Tui (1). Os resultados evidencian unha expansión territorial máis ampla e consolidan a área da ría de Vigo e o sur da provincia de Pontevedra como o principal foco de expansión da especie en Galicia.

Segundo explica a bióloga e investigadora Yasmina Martínez, integrante do proxecto REGAVIVEC desenvolvido xunto a Universidade de Vigo, a expansión do mosquito tigre en Redondela era un escenario previsto. “Detectámolo primeiro en Moaña, despois en Vigo e ese mesmo ano en 2023 xa tamén en Redondela. Estaba moi preto e sabíamos que acabaría chegando porque o municipio reúne unhas condicións moi favorables para a especie”, sinala.

A investigadora destaca que tanto o mosquito tigre como o mosquito común son especies especialmente adaptadas aos espazos urbanos. A presenza dunha elevada concentración de habitantes, temperaturas suaves e múltiples vías de entrada de mercadorías converten a contorna da ría de Vigo nun territorio especialmente favorable para o seu asentamento. No caso concreto do mosquito tigre, consideran que a súa chegada á comarca puido producirse por vía marítima, a través do transporte de mercadorías.

A pesar da súa expansión, Martínez insiste en trasladar unha mensaxe de tranquilidade. O mosquito tigre pode transmitir enfermidades como o dengue, o zika ou a chikungunya, pero actualmente non existen evidencias de circulación destes virus entre a poboación galega.

“A idea é actuar antes de que exista un problema epidemiolóxico. Saber que especies hai, onde están e cales son as zonas máis expostas permítenos optimizar os recursos e aplicar medidas de prevención no momento adecuado”, resume a investigadora.

Un dos aspectos nos que máis insiste é no papel da cidadanía e anima a utilizar a aplicación Mosquito Alert. Lonxe de depender unicamente das administracións, boa parte da prevención pode realizarse nos propios fogares. O mosquito tigre deposita os ovos en pequenos recipientes con auga estancada, moitos deles situados en propiedades privadas.

Case o 80 % dos criadeiros do mosquito tigre están en zonas privadas. Un simple xesto como baleirar un caldeiro, limpar unha maceta ou cambiar a auga dos bebedoiros dos animais cada poucos días pode eliminar centos de ovos”, explica Martínez.

Os expertos consideran improbable a erradicación definitiva da especie. O mosquito tigre figura entre as cen especies invasoras máis preocupantes do mundo e leva dúas décadas expandíndose pola Península Ibérica desde a súa primeira detección en Barcelona no ano 2004. “Chegou para quedar. O obxectivo xa non é eliminalo, porque iso é practicamente imposible, senón conter a súa expansión e reducir as súas poboacións”, conclúe.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará