Vilar de Infesta celebra esta fin de semana, os días 10, 11 e 12 de xullo, as tradicionais festas de San Benito que cada ano reúnen a centos de veciños e visitantes. A retrasmisión do partido España-Belxica abrirá a programación ás 21:00 horas do venres, xornada marcada pola música rock a cargo de Tonhito de Poi, Os Ásperos e Tony Delgado Trío. O sábado haberá actividades pensadas para o público familiar a partir das 19:30 horas coa actuación do Mago Paco e diferentes grupos de música tradicional. Non faltará a verbena nocturna nen as actividades relixiosas.
A programación comezará o venres 10 de xullo a partir das 21:00 horas, coa retransmisión do encontro España – Bélxica, mentres os asistentes poderán desfrutar de sardiñas e porco ao espeto. Ás 22:30 horas subirase ao escenario Tonhito de Poi, ao que seguirán as actuacións de Tony Delgado Trío, Os Ásperos, DJ Jesús del Campo e DJ Anhell, nunha noite que promete prolongarse ata ben entrada a madrugada.
O presidente do Centro Cultural de Vilar, Mauro Martínez, falábanos desta cita
O sábado 11 de xullo será o día grande da celebración. A programación relixiosa contará coas tradicionais misas e a solemne procesión en honra de San Benito, acompañada pola Banda de Música de Redondela. A mediodía celebrarase a sesión vermú, a tradicional poxa e o concerto da banda municipal, mentres que pola tarde haberá unha ampla programación familiar con actuacións de Mago Paco, os grupos de baile Falcatruada e Bambalina e as actuacions dos grupos de gaitas Aluarado e Airiño de San Simón e as pandeiretas de Follas Verdes.
A xornada culminará cunha gran verbena a cargo do Grupo La Nave e da Discoteca Nexus, garantindo unha noite de música e diversión para todas as xeracións.
As festas despediranse o domingo 12 de xullo coa misa solemne, a procesión acompañada pola Charanga SDK e unha animada sesión vermú que porá o broche final a tres intensas xornadas de celebración.
As Festas de San Benito son moito máis ca un programa de actos “son un punto de encontro para veciños, familias e amizades, unha oportunidade para manter vivas as tradicións e para compartir o orgullo de pertenza a Vilar de Infesta” segundo explican dende a organización.











