A CIG-Servizos denuncia a “irresponsabilidade” do Concello de Redondela na xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cuxo contrato coa empresa concesionaria Idades, rematou o pasado 1 de xuño, provocando os primeiros impagos de salarios ao persoal.
O sindicato explica que esta situación deriva da decisión do pleno de rexeitar a prórroga dun ano proposta polo Goberno local, polo que as persoas traballadoras están a prestar servizo co contrato caducado. Consecuencia disto, a día de hoxe non todo o cadro de persoal, integrado por 65 persoas, cobrou a nómina do mes de xuño.
Dende a CIG solicitaron unha xuntanza coa Alcaldía e Servizos Sociais hai xa un mes para abordar o futuro do SAF, “da que aínda non tivemos resposta”. Polo que esixen que se aclare a situación na que se atopa a relación contractual e o estado de redacción dos pregos de condicións do concurso de licitación do servizo.
Adiantan que en caso de que esta situación persista no tempo, a CIG adoptará as accións que considere oportunas, “trasladando o malestar das persoas traballadoras, así como a posíbel desatención da prestación do servizo, cuxa responsabilidade recae no Concello e na súa máxima representante, a alcaldesa Digna Rivas”.
Polo que agardan que a situación se solvente canto antes e que o Concello asuma as súas responsabilidades na prestación do servizo, “rescatándoo das mans privadas e asumindo a xestión directa”.
Problemática similar noutros concellos
Ao mesmo tempo, sinalan que outros concellos da comarca de Vigo nos que presta servizo a empresa Idades están a rexistrar tamén atrasos no pago de salarios de forma habitual, como é o caso de Bueu, Tomiño, Covelo, situación que xa foi denunciada pola CIG diante da Inspección de Traballo.









