A Fundación Galiza Sempre presentará este mércores, 8 de xullo, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Redondela, o caderno nº 11 da colección Ideas Impresas, titulado Antimilitarismo na Galiza. O acto contará coa participación da deputada do BNG Montse Prado, encargada da presentación, e dos autores da publicación, Bieito Lobeira e Manuel Caride.
O volume afonda na historia da loita antimilitarista na Galiza da man de dúas persoas que participaron directamente nela. Lobeira e Caride, militantes nacionalistas e insubmisos ao exército español no seu día, analizan unha mobilización social que contribuíu á desaparición do servizo militar obrigatorio e que marcou unha xeración de activistas.
A publicación reivindica o papel da insubmisión e da desobediencia civil como ferramentas de transformación social, poñendo en valor o compromiso de centos de persoas que asumiron importantes custos persoais para defender un modelo de sociedade afastado da militarización.
Segundo destacan desde a Fundación Galiza Sempre, a aparición deste monográfico cobra especial relevancia no actual contexto internacional, caracterizado por un proceso de rearme sen precedentes desde o remate da Guerra Fría. Neste escenario, consideran necesario recuperar a memoria das loitas sociais e abrir unha reflexión sobre a vixencia do antimilitarismo, a utilidade da mobilización cidadá e a necesidade de avanzar cara a un mundo máis desmilitarizado.
A presentación en Redondela servirá tamén para abrir un espazo de debate arredor da memoria da loita antimilitarista e da súa actualidade, tomando como punto de partida unha experiencia colectiva que deixou unha fonda pegada na historia recente da Galiza.









