Fotos de MAChRemo
A traiñeira redondelá, dirixida por Juan Zunzunegui, foi segunda na súa quenda este domingo e deixou atrás a cinco rivais, o que lle permitiu ascender ata a sétima posición da xeral. Os beretes mantiveron a loita con Itsasoko durante gran parte da regata, marcando o mesmo tempo na terceira ciaboga, e remataron cun crono de 20.35.10, só por detrás dos gañadores da serie. Unha melloría notable respecto ao fin de semana anterior e que deixa a Chapela antepenúltima, con vantaxe sobre Lekittarra e Ares, que se descolga na cola.
O técnico redondelán coñece moi ben estas augas por ter remado alí durante anos e o equipo respondeu con crecemento, sobre todo nos últimos largos, onde fixo os mellores tempos da tanda.
Chapela demostra que, a pesar de ser debutante na elite con moitos deportistas novos, compite con potencia e cabeza e nunhas augas que o adestrador coñece ben da súa etapa como remeiro.
Tras a segunda fin de semana de competición, Orio lidera a clasificación xeral da Liga ACT, seguido por Zierbena e Urdaibai, mentres que Getaria e Hondarribia completan os cinco primeiros postos. Na zona baixa, Chapela abandona provisionalmente o posto de descenso tras o seu bo rendemento, deixando a Lekittarra na praza de promoción de permanencia e a Ares como pechacancelas da clasificación.
A próxima fin de semana a competición trasladarase a Castro-Urdiales, última parada antes da chegada da liga a Galicia coas bandeiras de Chapela e Bueu.
LIGA GALEGA DE TRAIÑEIRAS
A traiñeira feminina de Chapela arrincou con forza a Liga Galega de Traiñeiras 2026 ao asinar un dobre segundo posto nas dúas primeiras regatas, disputadas esta fin de semana na Pobra do Caramiñal e Esteiro. As beretes volveron pelexar pola vitoria co Club Salgado-Perillo na I Bandeira Feminina de Esteiro, mantendo a igualdade nos primeiros longos antes de que a embarcación coruñesa abrise diferenzas no tramo final para repetir triunfo. Tras estas dúas primeiras xornadas, Salgado-Perillo lidera a clasificación con 16 puntos, seguida de Chapela con 14, mentres que Amegrove suma 12 e Tirán-Pereira 10.
Na Liga Galega B tamén houbo representación do Club de Remo Chapela. O equipo da canteira rematou terceiro na súa boia na Bandeira Concello da Pobra, un resultado que o deixa, polo momento, na parte baixa da clasificación xeral, liderada polo Club de Remo Rianxo.
A competición autonómica continuará o vindeiro domingo en augas de Chapela coa disputa da Bandeira Feminina Concello de Redondela, unha cita na que as remeiras locais buscarán aproveitar o factor casa para intentar lograr a súa primeira vitoria da tempada.














