Os numerosos usuarios e usuarias das praias de Redondela comprobaron na xornada de onte o arranque do servizo de socorrismo logo de que se resolvese a impugnación que paralizara o procedemento de contratación dos socorristas. Unha cuestión xudicial que atrasou 15 días a posta en marcha do servizo.
As praias da Punta e Arealonga, en Redondela, conta dende esta 1 de xullo con este servizo de socorrismo que, segundo explicaran dende o propio concello, non se puido poñer en marcha o pasado 15 de xuño debido á suspensión do contrato de salvamento tras a presentación dun recurso administrativo contra a súa licitación. Unha impugnación que obrigou a paralizar o procedemento ata que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) emitiu unha resolución.
Un servizo que se retoma nunha semana na que é previsible a masiva chegada de bañistas aos areais ante as altas temperaturas que se prevén neste inicio de xullo. De feito, está decretado o aviso vermello por calor con especial incidencia en toda a provincia de Pontevedra. As temperaturas serán especialmente elevadas na zona do interior pero os termómetros marcará tamén temperaturas moi altas nas Rías Baixas.









