Hoxe é Mércores 1 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Móllate pola Esclerose Múltiple” este domingo en Vigo

A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) organiza por noveno ano consecutivo a campaña ‘Móllate por la Esclerose Múltiple’, a única cita desta iniciativa en Galicia. O evento terá lugar este domingo, 5 de xullo, no paseo marítimo de Bouzas, na explanada fronte á praia do Adro, e contará co tradicional mangueirazo solidario dos bombeiros do Concello de Vigo.

A xornada, que se desenvolverá de 10:00 a 15:00 horas, combinará sensibilización, música e actividades para todos os públicos. Haberá unha carpa informativa atendida por socias e socios da entidade, merchandising e actuacións musicais de bandas locais viguesas que participan de forma altruista: Cerne (10:30-11:00), The Canelita’s (11:10-11:45), Simon’s (12:00-13:00) e a presentación en directo de Dirty Coyote (13:45-14:30), que ofrecerá o seu primeiro concerto.

O mangueirazo solidario dos bombeiros está previsto ás 13:00 horas, momento no que tamén intervirán as autoridades presentes.

A presidenta de AVEMPO, Lara González, manifestou a ilusión coa que afrontan esta nova edición: “Afrontamos esta nova edición do Móllate con moita ilusión, pero tamén coa necesidade de seguir contando co apoio da cidadanía para manter viva esta iniciativa”.

Ademais, González destacou o valor da participación social: “Cada persoa que participa, colabora ou simplemente se achega a coñecer a campaña está axudando a construír unha sociedade máis consciente, máis solidaria e máis inclusiva”.

A campaña nacional, impulsada por Escleroseis Múltiple España desde 1994, desenvolverase este ano en máis de 800 praias e piscinas de todo o Estado. En Vigo, o obxectivo é dar visibilidade á esclerose múltiple, unha enfermidade neurolóxica crónica que afecta a máis de 4.500 persoas en Galicia e a máis de 58.000 en España. Todos os fondos recadados irán destinados ao mantemento dos servizos de atención e rehabilitación que AVEMPO presta na súa sede de Bouzas.

AVEMPO cumpre 30 anos de traballo coas persoas afectadas e as súas familias. A entidade, con case 600 socios, ofrece apoio multidisciplinar (fisioterapia, psicoloxía, terapia ocupacional, logopedia e traballo social) para mellorar a calidade de vida das persoas con esta patoloxía.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp