Pablo Fernández, técnico en Telecomunicacións e Electricidade, é o fundador de Ferrosat, empresa local especializada en instalacións de antenas, videoporteiros, cámaras de seguridade, sistemas de control de acceso, conexións a Internet e instalacións eléctricas e de cargadores para coches eléctricos, entre outros servizos de domótica e seguridade.
Natural de Redondela, Fernández estudou o ciclo de grao medio en Instalacións de Telecomunicacións do IES Pedro Floriani e completou o ciclo superior no IES Ricardo Mella de Vigo. Antes de emprender, realizou as prácticas e traballou en empresas do sector na contorna.
Tras uns anos por conta allea, decidiu dar o paso e emprender. Fíxose autónomo ao rematar o primeiro ano do ciclo superior e combinou estudos e traballo. Ferrosat ofrece unha ampla gama de servizos que foi ampliando co tempo. Destaca que o sector está en constante evolución. “Todo está en constante cambio e hai que estar actualizado coa nova tecnoloxía”, afirma. Ademais, sinala que hai demanda en áreas como a seguridade, os controis de acceso e, especialmente, as enerxías renovables.
Sobre a formación, Pablo Fernández recomenda os ciclos formativos a quen lle guste a tecnoloxía e queira saír ao mercado laboral antes: “Recoméndoo sempre e cando che guste o tema. Sales con coñecementos, pero sempre fai falta a experiencia”. Tamén subliña que “hai traballo e hai pouca xente preparada”, especialmente en instalacións de fibra e mantemento.
Os inicios como autónomo non foron doados. Con todo, hoxe en día ten “traballo asegurado” e a empresa segue crecendo. Pode contactarse con Ferrosat a través de teléfono, WhatsApp 692 07 36 04 ou correo electrónico contactoferrosat@gmail.com. A súa furgoneta é xa unha imaxe habitual polas rúas de Redondela.


