Foto de Antía Álvarez
A Academia Bálbora acollerá o próximo 13 de xuño, de 11:00 a 13:00 horas, unha charla formativa titulada “Autismo desde enfoque neuroafirmativo”. A actividade desenvolverase nas súas instalacións da Praza de Ribadavia, 1º, 1º, en Redondela, ten un prezo de 30 euros e conta cun aforo limitado.
A relatora será Antía Álvarez, asesora neurodiverxente, especialista educativa e cofundadora do centro pedagóxico DIVERGIENDO. Álvarez achegará unha visión persoal e respectuosa sobre o autismo, favorecendo o cambio de paradigma do modelo médico ao modelo social.
Segundo explica David Cons, coordinador e fundador da Academia Bálbora, “a charla fala de pasar dun modelo médico, que vía estas cousas como algo que hai que curar, a un modelo social máis integrador, no que as diferenzas fan riqueza e non é algo que hai que erradicar”.
A sesión abordará a evolución histórica do concepto de autismo, os prexuízos aos que se enfrontan as persoas autistas e como a sociedade pode abrazar esa diversidade.“O que queremos que se leve a xente é eliminar os prexuízos e estereotipos, aprender a distinguir estas persoas e a tratalas correctamente”, subliña Cons.
Esta charla forma parte dun ciclo organizado pola Academia Bálbora. O seu equipo multidisciplinar acompaña todas as etapas da vida —desde a atención temperá ata a idade adulta—, con especialización en psicoloxía, logopedia, altas capacidades, trastorno do espectro autista (TEA), dislexia e técnicas de estudo. Nos próximos meses haberá máis sesións, entre elas sobre altas capacidades, para ofrecer pautas tanto a familias como a profesionais.
A actividade está aberta a todo o público: familias, persoas interesadas e profesionais.



