Hoxe é Xoves 28 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Coral Casto Sampedro preséntase en sociedade cun concerto no Multiúsos

coral

Despois dunha primeira experiencia pública durante o pasado Nadal, a Coral Polifónica Casto Sampedro ofrecerá este venres a súa presentación oficial ante o público cun concerto no Multiúsos da Xunqueira ás 20:30 horas. presentará un repertorio variado con habaneras, música en galego e musicas do mundo.

A formación, creada ao abeiro da Asociación Cultural Latexos, interpretará un repertorio máis amplo e variado que o das súas primeiras actuacións, incorporando habaneras, música galega e composicións de diferentes partes do mundo, nun programa pensado para mostrar as posibilidades do canto polifónico.

Este concerto chega cando a agrupación está a piques de cumprir os seus primeiros nove meses de actividade. Desde o inicio dos ensaios, o pasado 1 de setembro, o grupo traballou tanto na formación técnica das voces como na creación dun repertorio inicial diverso e adaptado ás características da coral.

A actuación deste venres será a segunda aparición pública da formación. A primeira tivo lugar o pasado 21 de decembro cun concerto de panxoliñas, experiencia que continuou na noite do 24 de decembro, cando os integrantes da coral percorreron as rúas da vila interpretando cantos de Nadal.

O novo programa musical aposta agora por abrirse a diferentes estilos e tradicións musicais. Segundo explican desde a agrupación Modesto Gómez e Paz Sanchez Cunqueiro, o obxectivo é reflectir a riqueza expresiva do canto coral a través dun repertorio variado e accesible para todos os públicos.

Desde a coral animan á veciñanza a asistir ao concerto e tamén a sumarse ao proxecto. A agrupación destaca pola diversidade dos seus integrantes, con persoas de diferentes idades —desde adolescentes ata maiores de oitenta anos— e con niveis de formación musical moi distintos. “O que nos une é a nosa afección pola música”, explican desde o grupo.

Unha variedade que obriga a súa directora María Oliveira da Silva a pulir cada unha das voces ata empastar todas elas. Os seus integrantes salientan que “é tan importante cantar como escoitar, porque nunha coral ninguhna voz debe prevalecer sobre as outras”. Con todo, o obxectivo principal, engade Paz Sánchez “é pasalo ben”.

A Coral Polifónica Casto Sampedro fundouse en xuño de 2025 e toma o seu nome do musicólogo redondelán Casto Sampedro, figura destacada na conservación do patrimonio folclórico galego.

As invitacións para asistir ao concerto poden retirarse no Café da Vila e tamén estarán dispoñibles no propio auditorio desde as oito da tarde do mesmo venres.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará