A veciñanza de Chapela trasladará ao Pleno Municipal que se celebra hoxe ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira as súas queixas polos ruídos provocados polas obras que ADIF está a executar en horario nocturno na contorna ferroviaria da parroquia. As zonas máis afectadas son Cubillón, a avenida de Vigo e Laredo, onde numerosos residentes denuncian non poder descansar debido á actividade das máquinas durante a madrugada.
Segundo explican as persoas afectadas, os traballos desenvólvense entre as 00:30 e as 5:00 horas, aproveitando a ausencia de tráfico ferroviario. Tanto a Asociación de Veciños como os residentes consideran “incomprensible” que estas actuacións se estean realizando pola noite, especialmente despois de que a liña permanecese pechada durante varias semanas por obras de mellora.
Os veciños aseguran que levan semanas soportando o ruído constante de escavadoras, perforadoras, camións e maquinaria pesada, ademais de pitidos e movementos de terra que se prolongan ata altas horas da madrugada. Denuncian que esta situación está a afectar seriamente ao descanso e á saúde da veciñanza, incluíndo persoas maiores, traballadores e menores en idade escolar.
Ante esta situación, os afectados xa presentaron queixas tanto no Concello de Redondela como na Policía Local, reclamando a paralización dos traballos nocturnos e medidas que garantan o dereito ao descanso. Lembran que aínda que teñen permisos para realizar eses traballos durante a noite deberían manterse dentro duns límites encanto ao nivel de ruído.
A problemática chegará ao Pleno Municipal deste xoves a través dunha moción que, segundo sinalan desde a asociación veciñal, conta co apoio de todos os grupos políticos da corporación.
Desde a Asociación de Veciños fan un chamamento á participación cidadá e convidan especialmente ás persoas afectadas a asistir ao Pleno, que se celebrará hoxe ás 20:00 horas no Auditorio de Redondela. Consideran fundamental unha ampla presenza veciñal para visibilizar o malestar existente.









