A Academia Pausa, impulsada por Paula Amoedo e Samuel Darosa, pecha un segundo curso académico con moi boa acollida e xa prepara as súas propostas para o verán 2026 baixo o nome de “Pausamento”, un campamento urbano creativo que busca diferenciarse das opcións tradicionais de conciliación.
“A acollida este ano foi moi boa e adoitamos estar completos ata finais de curso”, sinala Samuel Darosa. A academia traballa con nenos desde 1º de Primaria ata 4º da ESO no reforzo escolar, mentres que Paula Amoedo atende desde os 4-5 anos ata adultos, sen límites de idade.
Samuel céntrase no reforzo escolar adaptado a cada idade: para os máis pequenos, fomenta o hábito e as ferramentas básicas para facer os deberes; para os maiores, resolve dúbidas puntuais de materias como historia ou matemáticas.
Paula ofrece clases de artes plásticas en grupos reducidos de máximo 12 alumnos, con dúas quendas e unha específica para adultos. Nas súas sesións experimentan con diversas técnicas: lapis de cor, acuarela, carboncillo, collage e pintura acrílica.
Un dos momentos destacados do ano é a exposición de fin de curso, que se celebrará en xullo no Multiusos da Xunqueira. Os alumnos expoñen as súas obras con título, nome artístico ou pseudónimo e incluso un prezo elixido por eles. “O ano pasado vendéronse tres cadros. Isto anima axuda a volver con máis ganas o ano seguinte”, explica Paula.
Este curso incorporáronse obradoiros puntuais os fins de semana, con boa acollida. Entre eles, velas, bordado, lego print (estampación con pezas de Lego) ou actividades combinadas con brunch. “Facía falta algo así en Redondela. Ir metendo pouco a pouco ideas que vemos nas cidades veciñas”, valora Paula, que tamén destaca a colaboración co comercio local. A maioría destes talleres están dirixidos a adultos, aínda que algúns acollen adolescentes a partir de 12 anos.
Pausamento de verán 2026: arte, inglés e excursións
O Pausamento de Verán 2026 de Pausa Academia celebrarase en Redondela durante catro semanas en xullo e agosto, en horario de luns a venres de 10:00 a 14:00 h.
Datas confirmadas:
- Xullo:
- 1ª semana: 20 ao 24
- 2ª semana: 27 ao 31
- Agosto:
- 3ª semana: 3 ao 7
- 4ª semana: 10 ao 14
Trátase dun campamento urbano non convencional, con forte compoñente creativo e lúdico. Inclúe debuxo, pintura, inglés lúdico, manualidades, saídas pola rúa e xogos ao aire libre, ademais de outras actividades pendentes de confirmar.
As saídas constitúen un dos elementos centrais do Pausamento. Entre as programadas para este ano están:
- Visita en barco á Illa de San Simón (con percorrido guiado e tempo para debuxar).
- Tren turístico ata a Praia de Cesantes.
- Autobús aos museos: Museo de Pontevedra, Museo Meirande e MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo).
O prezo inclúe material, transportes e entradas aos museos e actividades. Recoméndase roupa cómoda (e que poida mancharse), permiso de saída e información sobre o nivel de natación para as actividades acuáticas ou na praia.
Información e reservas
- Instagram: @pausa_academia
- Email: pausa.academia@gmail.com
- Teléfonos: 696 107 179 | 654 266 706
- Ubicación: Rúa Figueiral nº 12, baixo, Redondela
As inscricións están abertas, as prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición
.










