A Alameda Castelao acolle este venres 22 unha nova edición da actividade “Lectura na rúa” na que participan os centros educativos do concello, as bibliotecas e os centros de día os Cortizos, Galeón, Boas Apertas e Areal así como usuarios e usuarios do Camp de Redondela. En total máis de 700 persoas de todas as idades que se xuntan para compartir o pracer da lectura.
Unha actividade “interxeracional” que busca fomentar a lectura nun espazo diferente e que nacía no ano 2017 da man do Colexio Santa Mariña.
Nas primeiras edicións formaron parte desta festa da lectura, ademais do CEP Plurilingüe Santa Mariña, os seus centros de referencia: EEI A Marisma e IES Illa de San Simón. Posteriormente fóronse sumando novas colaboracións e neste curso a actividade contará coa rapazada de 15 centros educativos de Educación Infantil, Primaria e IES de Redondela, ademais de 5 centros de día do concello que se xuntarán na Alameda Castelao de Redondela para gozar dunha mañá de lectura e cultura en compañía.
Hoxe espérase a participación de máis de setecentas persoas, entre elas un total de alumnos e alumnas do centro educativos participantes.
O evento, que se estenderá dende as 10:30 ata as 13:00 horas, contará cun intercambio de marcadores de libros, lectura compartida, desfile de contos, cancións, bailes e a actuación de “Barafunda”. Haberá tamén un obradoiro de ilustración con Victor Rivas no Multiúsos da Xunqueira.











