No marco desta iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro sinalizáronse como “Espazos Libres de Fume”, incluíndo tanto o tabaco tradicional como os dispositivos de vapeo, o IES Soutomaior, o CEIP Manuel Padín Truiteiro, o Colexio Santiago Apóstol e o Pavillón Municipal.
O Concello de Soutomaior únese á campaña de “Espazos sen Fume”, impulsada pola Asocación Española contra o Cancro, co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables e protexer á poboación, especialmente aos menores, da exposición de fume do tabaco en espazos públicos.
No marco desta iniciativa, no Concello, procedeuse á sinalización de diferentes espazos libres de fume, concretamente as contornas do Instituto, dos colexios e do Pavillón Municipal da Montesiña “Alfonso Pazos”.
O acto de sinalización asistiu, Gonzalo Outeiro, concelleiro de Educación en Soutomaior, Patricia Camellese, técnica de promoción de saúde da Asociación Española Contra o Cancro, e Carmen García, coordinadora de Atención ao Paciente da entidad.
Esta iniciativa promove a creación de ambientes libres da exposición ao fume nocivo do tabaco tradicional e/ou electrónico, en espazos abertos de uso público e colectivo cun enfoque baseado na concienciación e a educación. O obxectivo é fomentar unha vida libre de fume que protexa, sobre todo á poboación infantoxuvenil, desnomalizar o hábito de fumar en espazos convivenciais públicos reforzando o papel modélico positivo dos adultos en relación co consumo do tabaco e incentivar o abandono do hábito tabáquico e axudar no proceso. Todo, co obxectivo final de conseguir que, no ano 2030, en liña coa Unión Europea, haxa a primeira xeración libre de fume de tabaco.
Con esta adhesión, o Concello de Soutomaior e a Asociación Española Contra o Cancro unen esforzos para promover hábitos de vida saudables e protexer á cidadanía, especialmente aos menores, fronte á exposición do fume do tabaco. Ambas entidades reafirman así o seu compromiso coa prevención de enfermidades e o impulso de entornos máis saudables para toda a poboación.









