Os pilotos afincados en Redondela Alex e Théo Gourdon afrontan con optimismo a tempada 2026 de supermotard tras os éxitos acadados nos últimos anos. Alex, campión de España e subcampión de Europa FIM na campaña de 2024, fixo historia ao converterse no primeiro piloto galego en conquistar o título estatal da categoría S4, mentres que Théo rematou terceiro no campionato nacional. Ambos competirán unha campaña máis co Team GR Husqvarna.
A súa tempada internacional arrancará esta fin de semana os días 16 e 17 de maio en Tramatza (Cerdeña, Italia), coa primeira proba do Campionato Europeo de Supermotard S4 FIM Europe. Ademais, os irmáns galegos tamén participarán no Campeonato Internazionale d’Italia, unha das competicións máis esixentes da especialidade, como preparación para as citas europeas e polos compromisos cos seus patrocinadores.









