A iniciativa parte dunha veciña de Redondela, Inmaculada Bastida, que recolleu as sinaturas de 1308 veciños nun documento no que pon de manifesto as escasas conexións de autobús entre o noso concello e os hospitais da contorna. Os asinantes solicitan unha conexión máis útil e adaptada ás necesidade reais de quen se ten que desprazar tanto ao Álvaro Cunqueiro como ao Meixoeiro. O goberno local amosou o seu respaldo a esta petición cidadá presentada onte no rexistro e que será trasladada á Xunta de Galicia.
A iniciativa denuncia que as conexións de autobús actuais son “totalmente insuficientes”. Entre as principais deficiencias técnicas detectadas que afectan ao día a día da cidadanía atópanse as frecuencias limitadas nos días laborables —o que dificulta acudir a consultas médicas ou probas diagnósticas— e a total inexistencia de servizo directo durante as fins de semana. Inmaculada Bastida, que recolleu as sinaturas co apoio de veciñanza e comercios, sinala que sumaron 1.308 apoios en poucos días “e poderían ser moitos máis se mantemos a recollida, porque é unha situación que nos afecta a todos”.
A alcaldesa, Digna Rivas, trasladoulle persoalmente o seu apoio e advertiu que os impostos dos redondeláns financian o transporte interurbano. “Non é admisible que este Concello leve pagados máis de 130.000 euros á Xunta de Galicia no que vai de mandato polo convenio do transporte metropolitano, aos que haberá que sumar uns 50.000 euros máis este ano, e que a realidade sexa que os nosos veciños e veciñas sigan sen ter un transporte público eficaz para algo tan básico e esencial como desprazarse ás consultas médicas nos seus hospitais de referencia”, sinalou a rexedora. Rivas incidiu en que esta carencia no transporte interurbano xera unha grave fenda social e económica, xa que obriga a depender do vehículo privado, afectando de maneira moi directa ás persoas maiores, a pacientes con mobilidade reducida e a todos aqueles cidadáns que non dispoñen de coche propio.
A demanda veciñal trasladarase á Xunta de Galicia, como administración competente en materia de transporte interurbano, esixindo un incremento de frecuencias de ida e volta e a implantación do servizo as fins de semana.









