Hoxe é Mércores 14 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Concentración en Redondela polo colapso da atención primaria

sanidade

Foto: protesta celebrada o pasado mes de abril

A Asemblea en Defensa da Sanidade de Redondela convoca unha concentración este martes 13 para protestar polo colapso dos Centros de Saúde de Redondela, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Chapela. A falta de facultativos, as demoras para conseguir unha cita co médico de familia que superan o mes ou mes e medio de agarda e o peche da quenda de tarde son algún dos motivos esgrimidos dende o colectivo que xustifican esta nova protesta que terá lugar hoxe ás 20:00 horas diante do Concello.

A Asemblea chama á cidadanía a participar nesta concentración co obxectivo de reclamar solucións urxentes ao deterioro da atención primaria en Redondela, Chapela, Fornelos de Montes e Pazos de Borbén. A plataforma cualifica a situación de «caos moi perigoso» e advirte de que a falta de persoal está a provocar demoras nas consultas, sobrecarga asistencial e dificultades para garantir unha atención sanitaria adecuada.

Segundo denuncia a organización, durante o verán apenas estiveron operativos catro ou cinco dos 14 médicos que conforman o cadro de persoal. Ás vacantes de dous facultativos que se xubilaron súmanse dúas ausencias prolongadas e as vacacións do resto do persoal, unha situación que, segundo a Asemblea, deixou as axendas completamente desbordadas.

As consecuencias son especialmente visibles nos tempos de espera para conseguir unha consulta ordinaria co médico de familia, que, segundo a plataforma, xa superan o mes e poden chegar ao mes e medio.

A falta de profesionais tamén obriga o persoal dispoñible en Redondela a asumir con frecuencia a atención das urxencias de municipios próximos, como Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. A Asemblea considera que esta situación incrementa a presión sobre os profesionais e reduce os recursos dispoñibles para atender a poboación local.

Outro dos motivos de preocupación é o peche das consultas médicas e de enfermaría na quenda da tarde para reforzar a atención durante as mañás e cubrir as ausencias. Segundo denuncia a plataforma, esta medida, que se presentou como provisional, manterase ata novembro.

A organización alerta tamén da sobrecarga que está a soportar o Punto de Atención Continuada (PAC), tanto polo peche da quenda da tarde como pola falta de cobertura das ausencias do persoal sanitario.

A Asemblea advirte de que a falta de recursos humanos e as demoras na atención comprometen o dereito da cidadanía a recibir unha asistencia sanitaria adecuada e poden poñer en risco a seguridade dos pacientes. Por este motivo, fai un chamamento á participación veciñal e convida plataformas sociais e colectivos do municipio a sumarse á concentración diante do Concello de Redondela. A mobilización busca reclamar á Administración sanitaria unha dotación urxente de persoal, a cobertura das vacantes e das baixas e o restablecemento da atención nas quendas afectadas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará