O Centro Recreativo Cultural de Redondela incorporará a partir do mes de setembro un novo obradoiro de costura impartido por Laura Caride. A actividade desenvolverase en diferentes horarios e estará dirixida tanto a persoas que parten completamente de cero como a aquelas que xa teñen experiencia no mundo da costura.
Caride explica que este será o primeiro ano no que imparte o curso no Centro Recreativo Cultural de Redondela, aínda que conta cunha ampla experiencia como docente. Leva entre sete e oito anos dando clases en diferentes centros e actualmente desenvolve tamén obradoiros noutras localidades. Paralelamente, traballa por encargo na confección de roupa, pezas para bebés e diferentes artigos.
O obradoiro pretende ofrecer unha formación práctica e adaptada ao nivel de cada participante e abrangue un amplo número de posibilidades. Ao longo do curso poderanse aprender técnicas de confección de roupa, arranxos de prendas, elaboración de bolsos e neceseres, creación de pezas para o fogar ou roupa para bebés, ademais da customización de prendas que xa non se utilizan. Neste sentido, Caride destaca precisamente a posibilidade de darlle unha segunda vida á roupa mediante transformacións e aplicacións.
Un dos contidos nos que a docente quere poñer especial atención é o patchwork, unha técnica que permite combinar diferentes anacos de tea para crear novas pezas. Segundo explica, abrangue numerosas posibilidades, desde incorporar aplicacións a unha camiseta ata confeccionar bolsos ou colchas a partir de retallos, combinando cores e tecidos e incorporando incluso técnicas de bordado.
O obxectivo é que o alumnado poida rematar o curso con diferentes creacións propias. Laura Caride sinala que os proxectos dependerán dos intereses de cada persoa: algunhas poderán centrarse na confección de roupa, mentres que outras optarán por bolsas, neceseres, pezas para regalar ou traballos de patchwork. Noutros cursos, explica, chegou a haber participantes que realizaron ata tres colchas.
O curso tamén busca ser un espazo de aprendizaxe e relación. Caride destaca o ambiente de compañeirismo que se adoita crear neste tipo de actividades e asegura que os grupos terminan establecendo relacións de amizade.
A docente considera que nos últimos anos se incrementou o interese pola costura e pola creación de pezas propias. Ao seu xuízo, non se trata unicamente dunha cuestión económica, senón tamén da vontade de facer algo diferente e adaptado aos gustos de cada persoa. “Moitas veces é terapia”, sinala Caride, que explica que hai persoas que acoden ás clases para distraerse, relaxarse, aprender a arranxar a súa propia roupa ou simplemente desenvolver a súa creatividade.
Para Caride, precisamente, esa capacidade de crear é unha das principais razóns para probar a actividade. Considera que a costura ofrece “un mundo de posibilidades” para facer cousas diferentes ao gusto de cada persoa e descubrir novas capacidades.
As clases prolongaranse, en principio, ata o mes de xuño. Actualmente existen diferentes horarios: os mércores de 16:00 a 18:00 horas, un grupo que xa está completo e conta con lista de espera; os xoves de 10:30 a 12:30 horas; e os luns no mesmo horario, unha quenda na que aínda quedan prazas dispoñibles.
O número de participantes estará limitado a entre oito e dez persoas por grupo para garantir unha atención individualizada, xa que cada alumno pode estar traballando nun proxecto diferente e cun nivel distinto.
As persoas participantes deberán achegar a súa propia máquina de coser e o material básico, como alfinetes e tesoiras. No caso das teas e outros materiais específicos, a docente irá indicando a cada participante o que necesita en función do proxecto que queira realizar.
Para participar é necesario inscribirse no Centro Recreativo Cultural de Redondela. A actividade ten un custo de 25 euros por clase, ademais dos 10 euros correspondentes á condición de socio. As persoas interesadas poden obter máis información no teléfono 625 03 12 92 ou achegarse directamente ao centro, situado na rúa Ernestina Otero, 37, en Redondela.
Laura Caride tamén mantén presenza nas redes sociais baixo o nome de Costura y Diseño Laura Caride, tanto en Facebook como en Instagram, onde mostra parte dos seus traballos e ofrece a posibilidade de contactar con ela para encargos.

Foto da docente Laura Caride













